Denuncia na Inspección contra Ferroatlántica por vulnerar o exercicio da liberdade sindical

A empresa negou o crédito de horas sindicais a dous membros do Comité
Cee - 18 Mai 2017

O Comité de Ferroatlántica denuncia que a empresa "non se dá por satisfeita" con ameazar o emprego das fábricas de Cee e Dumbría e o futuro da Costa da Morte "e acaba de dar unha mostra da súa mala fe, vulnerando o exercicio da liberdade sindical ao negar o crédito de horas sindicais a dous membros do Comité". A representación social xa presentou denuncia na Inspección de Traballo por estes feitos, solicitando que se fagan as investigacións oportunas e se levante acta de infracción correspondente.

Na mañá do pasado 12 de maio, un día despois da empresa presentar na Xunta de Galiza a documentación para solicitar a autorización da segregación de actividades, o Comité tiña convocada reunión urxente para tratar as accións a realizar diante desta gravísima noticia. Para poder acudir, algúns dos membros do comité solicitaron o correspondente crédito de horas sindicais, xa que estaban traballando na quenda de noite.

Porén, "a empresa, de maneira intencionada e actuando de mala fe, a través da responsábel de RRHH da fábrica de Cee, pretende vulnerar o dereito ao exercicio da actividade sindical negando o crédito horario". "Esta decisión, engaden, resulta especialmente esclarecedora do comportamento da empresa, na situación de conflito aberto que existe actualmente entre os traballadores/as e Ferroatlántica pola intención de vender e segregar as actividades de ferroaliaxes e enerxía".

Non hai que esquecer tampouco que Ferroatlántica ten unha actividade recollida como perigosa, polo esta decisión contra os membros do comité afectados pode pór en perigo a súa seguridade e a do resto dos compañeiros e compañeiras que están na garda de noite, ao ter que compatibilizar a actividade profesional coa sindical sen o debido descanso entre xornadas.