Demandan a Grupo Norte por vulnerar o dereito á folga do persoal do 061

A Xunta remitiu o decreto de servizos mínimos 41 minutos antes de comezar o primeiro paro

Nacional -

A CIG vén de presentar demanda de tutela dos dereitos fundamentais pola vulneración do dereito á folga  das traballadoras e traballadores da central de chamadas do 061, xestionada por Grupo Norte, ao se decretaren uns servizos mínimos do 100% das presenzas habituais tan só 41 minutos antes de iniciarse o primeiro paro e sen posibilidade de presentar alegacións previas.

O pasado 24 de xullo de 2018 preavisouse legalmente a convocatoria dunha folga indefinida, con inicio no día 4 de agosto, no marco do conflito xerado pola Modificación Substancial das Condicións de Traballo, consistente no cambio de centro de traballo de todo o cadro de persoal de Grupo Norte.

O 14 de agosto, e ante a negativa da empresa a volver negociar mentres continuara a folga, o persoal acordou a súa desconvocatoria. A partir de aí celebráronse unha serie de xuntanzas pero na última, celebrada o pasado 22 de agosto, a patronal afirmou que non era capaz de contactar cos responsables da Fundación 061 para transmitir as reinvidicacións formuladas pola representación das traballadoras  e traballadores.

O 29 de agosto, e diante da imposibilidade de chegar a un acordo, decídese convocar novamente folga que, desta volta, xa non sería indefinida senón para os días 10, 15, 17 e 22 de setembro.

Sen decreto de servizos mínimos

O día 8 de setembro, ante a ausencia de decreto de servizos mínimos, o comité de folga diríxese mediante whatsapp ao avogado da empresa e ao Responsable de Proxecto manifestando a súa preocupación sobre o desenvolvemento da xornada de folga do luns se non se acordan uns servizos mínimos.

Despois desta primeira comunicación, ese mesmo día o Director Territorial para o Noroeste de España e Portugal chama telefonicamente ao representante da CIG e asesor da parte social, Renato Núñez, a quen solicita que envíe por mail a desconvocatoria do día 14 de agosto e a nova convocatoria do día 30 de agosto. Documentación que se remite por mail o propio día 8 de setembro, con confirmación de recepción.

O día 9, ante a ausencia de información, Núñez diríxese novamente ao Director Territorial Noroeste de España e Portugal para ver a posibilidade de acordar uns servizos mínimos entre a parte social e patronal. Esta posibilidade desbótase ao confiar a patronal en que a Consellería de Sanidade emita unha comunicación ordenando os servizos mínimos.

O día 10, na propia xornada da folga, o representante da CIG comunica novamente -por sms, ao Director Territorial para o Noroeste de España e Portugal- que non consta ningún decreto publicado no DOG e recomenda que contacte co Comité de Folga para consensuar uns servizos mínimos que garantan a atención dos servizon de emerxencia e permitan aos traballadores e traballadoras exercer o dereito á folga, sen recibir resposta.

Ás 11:19h do día 10 de setembro, a Consellería de Sanidade emite un comunicado ordenando uns servizos mínimos do 100% e dá de prazo até as 12:00 horas do día 11 para formular alegacións.

Servizos mínimos fixados a 41 minutos do inicio da xornada de folga

Na demanda recóllese que a comunicación de servizos mínimos se realizou a 41 minutos do inicio da xornada de folga, “impedindo calquera alegación ou recurso” e que esta comunicación entra a valorar ademais cuestións alleas ao procedemento que, de seren certas, escusaría a existencia da propia comunicación.

Entre outras cuestións sinala que a orde do 3 de agosto de 2018 de servizos mínimos da convocatoria de folga anterior segue vixente ao non ser derrogada e a pesar de que esta foi desconvocada con data 14 de agosto de 2018.

Fronte a isto, na demanda sinálase que é evidente que se iso fora así non existiría a comunicación de servizos mínimos que presenta e pola que abre período de alegacións.

Ademais afírmase que a convocatoria de folga presentada para os días 10, 15, 17 e 22 de setembro están comprendidos dentro da anterior folga convocada con carácter indefinido. “Porén, obvia totalmente a desconvocatoria de folga presentada o día 14 de agosto por esixencia da patronal, e o feito de que a nova convocatoria presentada o día 30 de agosto non é indefinida; esta é para catro día concretos do mes de setembro”.

Xunto a isto dise literalmente que a Consellería non tivo constancia da desconvocatoria da folga anterior até o mesmo día 8 de setembro, data na que asesor da parte social se dirixe á empresa Grupo Norte para mostrar a súa preocupación pola ausencia da previsión de servizos mínimos. Un feito que “resulta absolutamente cuestionable pois a desconvocatoria está rexistrada perante a Consellería de Traballo”.

Grupo Norte designa o 100% do persoal

Aos poucos minutos de que a Consellería de Sanidade emitira a comunicación e abrira prazo de alegación, a empresa concesionaria (Grupo Norte) designou ao 100% do persoal como servizos mínimos e cominou “con carácter imperativo” o cumprimento dos mesmos.

A demanda cuestiona ademais que Grupo Norte ditaminara o 100% das presenzas habituais como servizos mínimos non só no 061, senón tamén no 902400116, que tamén se atende desde esta central de chamadas, cando non é un servizo esencial.

Xunto a isto sinálase que o día 14 de setembro de 2018, 4 días despois do inicio da folga e na véspera da segunda xornada de paro, a Consellería de Sanidade publica orde que “entrará en vigor o mesmo día súa publicación”. O rechamante é que a Orde ten data do día 10, o día anterior á presentación de alegacións polo Comité de folga.

Imposibilidade de exercer o dereito de folga

A consecuencia de todo isto, e por mor da conduta antixurídica da empresa demandada, as persoas afectadas víronse privadas de exercer o seu dereito á folga. Por iso se solicita que se declare “a nulidade radical da conduta da empresa demandada consistente en impedir o exercicio do dereito á folga do 100% do cadro de persoal” e que esta sexa condenada por iso “ordenando o cesamento inmediato do comportamento antisindical”.

Volver