Delegados/as de CIG-Industria mobilízanse contra as pretensións do xerente de Cumegal de criminalizar a acción sindical

A empresa denunciou a un traballador, despedido por presentarse na candidatura da CIG, e á propia central sindical por repartir uns panfletos
A Coruña - 12 Abr 2016
Delegados e delegadas da Federación de Industria concentráronse o luns diante dos xulgados de Ourense para denunciar a criminalización da acción sindical que pretende efectivizar o xerente da empresa Cumegal. O empresario, non contento con despedir a un traballador por presentarse nas listas da CIG, quere tamén pór trabas a liberdade sindical recorrendo á vía penal.

Hai uns meses, a CIG lograba por primeira vez presentar candidatura na empresa Cumegal (situada no Concello de San Amaro e dedicada á fabricación e instalación de cubertas e estruturas metálicas). De xeito paralelo á comunicación do preaviso de eleccións por parte da central sindical, a empresa comezaba a manobrar e presionar o seu persoal para evitar que a CIG obtivera representación.

Un obxectivo que logrou, mais non satisfeito, o xerente procedeu a despedir o traballador polo simple feito de terse presentado na candidatura da central nacionalista. “Ante este ataque, explica o Secretario Comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, ademais da pertinente denuncia no xulgado, iniciamos accións sindicais con concentracións, pegadas de cartaces e reparto de panfletos denunciando a represión sufrida polo compañeiro”.

A maior sorpresa chegou ao ter coñecemento de que o dono da empresa presentara denuncia no Xulgado do Penal contra o propio traballador e a central sindical polo, ironiza Gómez, “gravísimo feito de repartir uns panfletos”. Por mor desta denuncia, o traballador tivo que acudir a declarar nos xulgados do Carballiño o pasado 16 de marzo e está pendente xuízo para o próximo 11 de maio.

Mentres, no caso da denuncia contra a CIG, onte mesmo celebrábase acto de conciliación nos xulgados de Ourense, e con tal motivo unha concentración de delegados/as da Federación de Industria, á que tamén asistiu o Secretario Nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi. Aínda que non se puido chegar a acordo, xa que o empresario “nos reclama 6.000 euros máis 250 euros de costas e pretende que nos retractemos publicamente”.

Gómez entende que as actuacións do xerente de Cumegal supoñen un ataque á liberdade de expresión e os dereitos sindicais máis básicos. “Se o sindicato non pode facer a acción sindical que lle é propia, entón que nos queda?”, pregúntase.

Así as cousas, xa advertiu que a CIG non vai consentir este tipo de actitudes patronais e seguirá loitando con todas as ferramentas das que dispón na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores.

Novas anteriores

A CIG solidarízase co despedido da empresa ourensá Cumegal denunciado por repartir panfletos contra a represión sindical

Delegados/as da CIG-Industria reclaman cunha protesta a readmisión dun traballador da empresa Cumegal de Ourense