Delegados/as da CIG no Banco Pastor concéntranse na oficina de Sada para esixir que se garanta a seguridade e saúde do persoal

O banco iniciou a reforma integral desta sucursal, mentres que o persoal e a clientela teñen que convivir coas obras

A Coruña -

Delegados e delegadas da CIG no Banco Pastor concentráronse este mediodía diante da oficina que a entidade ten Sada para denunciar os incumprimentos das normas de prevención de riscos laborais e da saúde no traballo, xa que a empresa está a realizar unha reforma integral desta sucursal, mentres mantén a actividade ordinaria dos/as traballadores/as e as/os clientas/es.

As traballadoras e traballadores, denuncian dende a Sección Sindical da CIG no Banco Pastor, teñen que convivir durante todas a súa xornada laboral coas obras da oficina, soportando os ruídos provocados polas maquinaria “que superan amplamente os decibelios permitidos”. Ademais, o po en suspensión que permanece no ambiente das instalacións provoca molestias respiratorias e oculares.

Por se non fora abondo, engaden, existe un risco permanente de accidente laboral como “consecuencia da presenza de material e ferramentas de obras nas zonas de paso común e enchufes e cables ao aire. Tamén hai risco de desprendemento polos falsos teitos, revestimentos de paredes e columnas levantadas”.

Xunto a isto, póñense en perigo as condicións de emerxencia e evacuación, así como as medidas de seguridade antirroubo. Esta situación, que tamén sofren os clientes e as clientas que acoden á oficina, poderíase ter evitado se o Banco alugase un estabelecemento para facer un traslado temporal da oficina, mentres duren as obras. Neste senso, dende a Sección Sindical subliñan que os traballos de reforma comezaron hai xa un mes e está previsto que rematen a mediados de abril.

O incumprimento nas medidas de prevención e saúde laboral xa foi denunciado pola CIG diante da Inspección de Traballo, tanto no referido á oficina de Sada como ao resto das oficinas que se atopan na mesma circunstancia.

Volver