Delegados/as da CIG maniféstanse no Porriño en demanda dunhas condicións laborais dignas para o persoal dependente de Frigolouro

A central celebrou previamente unha asemblea na que se analizou o conflito aberto en Servicarne

Vigo -

Centos de delegados/as da CIG percorreron hoxe en manifestación as rúas do Porriño en solidariedade coa loita do persoal de Servicarne, autónomos/as dependentes da empresa de procesados cárnicos Frigolouro que reclaman unhas condicións laborais dignas. Previamente, a central celebrou unha asemblea na que se abordou, entre outras cuestións, o conflito aberto na cooperativa de traballo asociado.

(Galería de imaxes)

O encargado de abrir a asemblea de delegados/as, que se celebrou na Casa da Cultura porriñesa, foi o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves. O responsábel sindical comezou explicando o motivo polo que a central decidiu celebrar a asemblea na localidade: “Para amosar a nosa solidariedade coa loita dos compañeiros/as de Servicarne que traballan en Frigolouro, que mesmo convocaron un paro indefinido para reclamar unhas condicións laborais dignas e rematar co que consideramos unha escravitude moderna, xa que padecen unha situación terceiromundista”.

Gonçalves non dubidou en cualificalos/as como falsos/as autónomos, ao entender que a súa situación vai máis alá dos autónomos/as dependentes. “Traballan en exclusiva para Frigolouro, empresa do grupo Coren que foi destruíndo emprego estábel ao longo destes anos para entregarllo a unha subcontrata”. Así, o cadro de persoal de Frogolouro pasou de 600 traballadores/as a 360, mentres que os empregados/as de Servicarne xa son 224.

En canto ás condicións laborais que padecen, denunciou que carecen de horario de traballo, non teñen un salario fixo (cobran por hora), están sometidos/as a ritmos de produción salvaxes (que provocan enfermidades profesionais que non lles son recoñecidas), non teñen dereito a vacacións nin a prestacións por baixa laboral ou accidente de traballo e están suxeitos/as a posíbeis sancións de até 300 euros.

Ao mesmo tempo, o máximo responsábel da CIG-Vigo lembrou que outra das reivindicacións do persoal pasa pola readmisión dos cinco compañeiros/as despedidos/as despois de participar na folga e nas mobilizacións.

Tamén aproveitou a súa intervención para sinalar os que cualificou como cómplices desta situación, dende a maioría do comité de empresa de Frigolouro (a excepción dos tres representantes da CIG) até a dirección de Coren, pasando pola Xunta e a Inspección de Traballo. Amosouse especialmente crítico coa autoridade laboral: “Din que non poden facer nada porque se trata de persoal autónomo, cando o que temos aquí é unha clara cesión ilegal de traballadores/as”.

Finalmente, incidiu na importancia de dar a batalla nun conflito moi importante para a clase traballadora, tendo en conta que cada vez máis empresas están a optar por este tipo de subcontratación en condicións laborais indignas. “Isto crea diferenzas dentro das empresas entre os propios/as traballadores/as, porque o que pretenden con isto é dividirnos como clase”, denunciou. 

Aumento do ritmo de produción

A continuación tomou a palabra un ex traballador de Servicarne, que relatou as condicións laborais que padece o persoal e agradeceu a implicación da CIG no conflito, especialmente aos compañeiros/as do comité de Frigolouro, aos responsábeis da FGAMT e ao secretario comarcal de Vigo. “Grazas por apoiarnos e por dar voz á nosa situación”, resumiu.

Despois lembrou que cando el comezou a traballar en Frigolouro o ritmo de produción na sala de matadoiro e despece era de 450 metades por hora e que compartían espazo con persoal da empresa de procesados cárnicos. “Estes traballadores/as foron desaparecendo pouco a pouco e ficamos só os de Servicarne, e foi entón cando o ritmo de produción pasou a 780 metades por hora, case o dobre”.

Outro cambio foi o método de cobro, que nun principio era por produción e logo foi por hora “porque facíamos moita produción e non lles interesaba”. Tamén sinalou que dos 10,70 euros que cobran de máximo por hora hai que descontar as pagas extras, as vacacións e as cotas de socio e de autónomo/a. “Podemos traballar 4, 6, 8, 12 e até 14 horas e hai meses que non pasamos dos 700 euros”.

Tampouco cobran estando de baixa, pero teñen que seguir pagando a cota de autónomos/as: “Hai un consello reitor en Barcelona que decide se che dan 250 euros ao mes, pero normalmente non pagan”. El mesmo tivo que padecer esta situación, xa que estivo seis meses de baixa a causa do síndrome do túnel carpiano e negáronlle os cartos. “E iso que tiña informes médicos que dicían que fora causado polo traballo”, critica.

O ex traballador explicou que as baixas na empresa son constantes, e citou un exemplo: “De 140 persoas que hai na sala de despece, unha media de 30-35 están de baixa; e se colles varias baixas despídente e contratan outra persoa”.

Por se todo isto fose pouco, cada final de mes teñen que pagar 50 euros de cota social á cooperativa de traballo asociado. Ademais, teñen prohibido sindicarse “e todo/a o que protesta remata na rúa, porque o despido sáelles moi barato e poden contratar novo persoal”. Estas persoas permanecen seis meses a proba antes de entrar en Servicarne, tempo no que poden ser despedidas “sen problema” e no que cobran só 9,50 euros por hora.

Unha vez rematada a asemblea, na que tamén se abordou a situación do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e a próxima celebración do 1º de Maio, os asistentes partiron en manifestación até Frigolouro, onde permaneceron concentrados ás portas da empresa.

Volver