Delegados/as dos Centros de Atención a persoas con discapacidade demandan un convenio propio que mellore as súas condicións

Acordaron continuar coas mobilizacións e desenvolver asembleas e repartos informativos
Nacional - 18 Xan 2017

Delegados e delegadas dos centros de Atención a Persoas con Discapacidade e da CIG-Ensino concentráronse este mércores diante da consellaría de Política Social para demandar un convenio propio galego para o persoal  e a mellora das súas condicións laborais. Esta concentración insírese na campaña que se ven desenvolvendo desde hai meses, avalada por 773 traballadores/as que asinaron estas demandas xunto con 66 delegados e delegadas dun total de 95 electos.

Entre as cuestións que este colectivo considera prioritarias e que así plasmaron na táboa reivindicativa está a exixencia de que a Xunta de Galiza asuma na súa totalidade a xestión dos servizos destes centros, como centros públicos a todos os efectos, garantindo o mantemento dos postos de traballo do persoal actual.

En todo caso, mentres iso non se leve a cabo, demandan un incremento das partidas orzamentarias para o sector e que os centros reciban as subvencións necesarias para prestar o servizo cun mínimo de calidade, mellorando a situación dos usuarios/as e as condicións de  traballo do persoal.

Xunto a isto, demandan que se acurten os prazos de aboamento desas subvencións, para evitar atrasos non pagamento das nóminas e que a administración galega poña en marcha os mecanismos necesarios para facer un seguimento das subvencións que reciben estes centros.

Precariedade

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou as precarias condicións que sofren as traballadoras e traballadores dos centros afectados polo XIV convenio colectivo estatal de centros de atención a persoas con discapacidade. Unha precariedade que considerou que “conduce a un deterioro da calidade dun servizo que debería procurar a mellora dos seus recursos materiais e humanos, no canto de centrarse en criterios mercantilistas.

“Rexeitamos o actual convenio estatal porque as súas condicións impiden que os traballadores/as poidan realizar o seu labor dun xeito digno e, ademais, establece unha clara discriminación entre o persoal, en función das tres tipoloxías de centros que recolle”, afirmou e engadiu que “non se están a ter en conta as características específicas destes centros en Galiza nin, en consecuencia, as condicións laborais propias dos traballadores/as galegos/as, que ven así limitada a súa capacidade de influír no proceso negociador e que se contemplen as súas demandas concretas de cara ao XV convenio”.

Convenio galego

Por iso o sector demanda que, dado que as competencias sobre as subvencións coas que se financian estes centros están transferidas á Xunta de Galiza, a consellaría de Asuntos Sociais inicie unhas negociacións nas que participen as patronais do sector (maioritariamente asociacións) e as organizacións sindicais en función da súa representatividade, para acadar un convenio galego que mellore substancialmente as condicións recollidas no convenio estatal e o financiamento destes centros.

Entrevista co conselleiro

Coincidindo coa concentración, representantes da CIG-Ensino intentaron entrevistarse co conselleiro. Ante a súa ausencia foron recibidos polo xefe de gabinete que quedou de xestionar unha entrevista co conselleiro nun tempo prudencial.

Próximas accións

Ao remate da concentración os delegados e delegadas realizaron unha xuntanza na que acordaron dar continuidade tanto á campaña de sensibilización sobre a situación que se dá nestes centros, como ás mobilizacións. Acordouse levar a cabo unha campaña para dar a coñecer a perda de dereitos desde o IX até o XIV convenio e para insistir en que a solución pasa pola aprobación dun convenio galego.

Tamén se editarán publicacións para dar a coñecer as mobilizacións realizadas, as accións  previstas e achegar as principais reivindicacións de cara a negociación en Madrid do XV convenio.  Faranse asembleas e repartos entre os traballadores e traballadoras, e a campaña culminará coa convocatoria de concentracións diante dos centros de traballo e unha ampla divulgación nas redes sociais.