Delegados/as das auxiliares concéntranse en defensa dos acordos e a súa inclusión no convenio provincial

A CIG empraza a patronal a aceptar a proposta do CGRL para regular as condicións e rematar co conflito
Ferrol - 28 Set 2018

Delegados e as delegadas da industria auxiliar do naval de Ferrol realizaron este venres unha concentración diante da porta principal de Navantia en defensa dos acordos de 2001 e a súa inclusión no texto do convenio do metal da provincia da Coruña. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que o persoal está a desenvolver co gallo das negociacións no Consello Galego de Relacións Laborais, e faise coa vista posta na xuntanza do vindeiro 2 de outubro na que a patronal provincial deberá contestar á proposta trasladada pola presidenta do organismo.

Ao remate da protesta, representantes das centrais sindicais CIG, UGT, CCOO e MAS compareceron en rolda de prensa para defender a necesidade que os acordos estean dentro do convenio do metal e emprazaron a patronal provincial a asumir a proposta do Consello. En caso contrario, os responsábeis sindicais lembraron a disposición amosada polo colectivo de traballadores/as para continuar e intensificar as mobilizacións na defensa dos seus dereitos, sen descartar mesmo a convocatoria de folga.

Incorporar os acordos para regular o sector

Hai que lembrar que o documento achegado pola presidenta do CGRL contempla a incorporación dunha disposición adicional ao texto do convenio provincial do metal para darlle entrada así aos acordos que se pechen na Mesa do Naval de Ferrol. Neste senso, a CIG-Industria subliña que, os/as traballadores/as da industria auxiliar de Navantia "son do metal e o ámbito natural onde se deben regular as súas relacións laborais é o convenio provincial".

Por iso, a integración dos acordos neste marco regulador non desnaturalizaría o convenio, senón que servía para dotar os acordos de eficacia normativa, permitiría regular as condicións dun colectivo de máis 3.0000 traballadores/as, impediría situacións de competencia desleal entre compañías a conta de tirar os custes salariais e evitaría ademais que, pola eventualidade que caracteriza o sector, os obreiros e obreiras tiveran que estar negociando o seu soldo cada vez que entrar nunha nova empresa.

Deste xeito, se o próximo martes, a patronal provincial traslada unha resposta positiva á proposta do CGRL, abriríase o camiño para pór fin a un conflito laboral que se vén prolongando dende hai demasiado tempo e que o ano pasado desembocou nunha folga (convocada pola CIG e acordada nas asembleas de traballadores/as) que tivo paralizado o naval da ría de Ferrol durante 22 días.

A patronal, sen argumentos

Neste senso, a CIG-Industria insiste en que o feito de que a proposta do Consello para solucionar o conflito consista na integración dos acordos das auxiliares no texto do convenio, "evidencia a sen razón da negativa patronal, que tantas veces ternos denunciado, e súmase á posición das empresas auxiliares de Navantia (principais afectadas), deixando a patronal provincial sen argumentos para pecharse na súa negativa".

E por iso, advirten tamén que, de non aceptar o empresariado provincial a proposta, a CIG esixiralle ás empresas auxiliares que paguen de xeito inmediato os acordos, pois a negativa da patronal provincial "non pode servirlle de escusa a ninguén para manter a feira dos salarios do persoal da industria auxiliar".