Delegados/as da CIG de todo o país mobilízanse en apoio da folga no servizo de mantemento do CHUO

Manifestáronse polos arredores do complexo hospitalario ourensán en solidariedade co persoal de Ferrovial

Ourense -

Delegados/as sindicais da CIG-Industria e da CIG-Servizos en Ferrovial mobilizáronse hoxe en solidariedade co persoal de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que se atopa en folga indefinida dende o pasado 26 de febreiro para reclamar melloras laborais e rexeitar a discriminación que padecen con respecto a compañeiros/as doutros centros sanitarios da provincia.

Na protesta, que se desenvolveu de 10:00 a 12:00 horas polos arredores do complexo hospitalario ourensán, participaron máis de 200 persoas, entre traballadores/as do servizo de mantemento, delegados/as sindicais das distintas federacións da CIG-Ourense e delegados/as da CIG-Industria e da CIG-Servizos nos comités de empresa dos distintos centros de traballo que Ferrovial ten no país. Tamén estiveron presentes os secretarios/as nacionais das federacións de Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, e de Servizos, Transi Fernández, así como o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, e os máximos responsábeis da CIG-Industria nas distintas comarcas.

Foi precisamente o secretario nacional da federación de Industria o encargado de dirixirse a todos/as os presentes ao remate da mobilización. Bouzas Aboi quixo deixar moi claro que a empresa “equivócase se pensa que nos vai derrotar dilatando o tema, non querendo sentarse con nós, non escoitando as nosas reivindicacións” e reiterou o apoio de toda a central sindical e do resto de compañeiros/as do país ao persoal do servizo de mantemento do CHUO.

Radicalizar as protestas

Ao mesmo tempo, indicou que “se hai que radicalizar as protestas farémolo, pero o que non pode facer a empresa é acusarnos de sabotaxes, como fixo na última xuntanza”. Asegurou que nin os traballadores/as en folga nin a propia federación de Industria fixeron nada contra a empresa. “O único que facemos e reclamar dereitos recollidos no convenio e dos que gozan os empregados/as doutros centros sanitarios da provincia”.

Finalmente explicou que despois de 54 días de folga, “hoxe cando fomos falar cos responsábeis da empresa dixeron que están dispostos/as a aceptar unha mediación e que o venres nos darán unha resposta”. Adiantou que acudirán a esa xuntanza con actitude negociadora pero coa intención de manter as reivindicacións do cadro de persoal. “Xa lles anunciamos que se se presentan co mesmo ánimo que tiveron até o de agora que non conten con nós, porque nos van a ter enfronte”, rematou.

Volver