Delegadas da CIG denuncian a vulneración sistemática dos dereitos de conciliación das traballadoras do Consorcio

Exixen políticas reais que garantan compatibilizar traballo e familia
Nacional - 01 Out 2018

“É inconcibíbel que sexa precisamente nun servizo público e indispensábel para que a clase traballadora, e  nomeadamente as mulleres, poidan conciliar onde se denegue de xeito reiterado este dereito ao seu persoal”. Así o denunciaba a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, as dificultades de conciliación das traballadoras do Consorcio, no decurso da concentración celebrada esta mañá diante do edificio que alberga a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galiza e o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.

A mobilización, na que participaron delegadas do Consorcio, foi convocada pola Secretaría das Mulleres da central nacionalista, no marco dunha campaña impulsada polo sindicato para denunciar a vulneración dos dereitos de conciliación da vida familiar, laboral e persoal das persoas traballadoras, e o impacto que ten na vida das mulleres.

“Hoxe en día, a conciliación é cuestión de cartos. Non existe unha aposta real por políticas que garantan compatibilizar traballo e familia. Ao Partido Popular éncheselle a boca falando de plans de dinamización demográfica, de políticas a prol das familias, mais na práctica o que fan é vulnerar os dereitos das traballadoras, impedindo que poidan conciliar, obrigando ás mulleres a optar por reducir a súa xornada, a acollerse excedencias, a xudicializar os seus dereitos, e no peor dos casos, a un cese, xa que ven imposibilitado o coidado das súas crianzas ou familiares dependentes co exercicio do seu traballo”, manifestou Corral.

Así o denunciou tamén a secretaria nacional do sector da Administración Autonómica, Zeltia Burgos, quen asegurou que este problema afecta ás traballadoras do consorcio máis tamén a todas aquelas que traballan na administración a quendas, que se ven obrigadas a recorrer á vía xudicial para ver recoñecidos os seus dereitos á concreción horaria ou á flexibilización e  limitadas para exercelos se non hai quen as substitúa no posto.

Avanzar nos nosos dereitos

Tal e como versa o lema da campaña sostida no tempo que vén desenvolvendo a Secretaría, á marxe de datas concretas, “Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos”, a CIG denuncia que as políticas públicas en materia de conciliación seguen a basearse, case en exclusiva, no estabelecemento de permisos laborais que son utilizados maioritariamente por mulleres, mais antepoñendo as necesidades do mercado de traballo ás da vida familiar e laboral, pensadas desde unha óptica produtivista, onde a actividade laboral é o eixo central da vida das persoas e o resto está subordinado ou dependente dela.

A Secretaria das Mulleres da central nacionalista denunciou que aínda que hai cada vez máis traballadores que se fan cargo de responsabilidades familiares e de coidado, seguen a ser maioría as mulleres –tal e como se constata no estudo realizado polo Gabinete de Economía da CIG- as que  fan uso destas fórmulas, na meirande parte dos casos solicitando reducións da súa xornada laboral que teñen un efecto inmediato sobre o seu salario e a corto e medio prazo sobre as prestacións futuras.

Unha realidade que coloca ás mulleres nunha situación de desvantaxe no mercado laboral e nunha posición de conflito permanente coa patronal, neste caso, coa propia administración galega, á hora de facer uso dos seus dereitos.

A CIG exíxelle ao goberno do Partido Popular que asuma unha organización racional das xornadas de traballo que permitan compatibilizar traballo e vida e demanda que “se non é quen de facelo reorganizando os horarios de traballo, dote ao servizo de persoal suficiente para garantir os dereitos das traballadoras”, afirmou Corral.

Neste sentido, engadiu que “non podemos permitir que nun servizo esencial para que moitas de nós poidamos conciliar as nosas responsabilidades de coidado co traballo sexa precisamente onde se deneguen os dereitos de conciliación ás traballadoras”.

Fronte a isto, apuntou que “a solución do problema demográfico de Galiza pasa necesariamente por facer unha aposta real por políticas públicas que garantan o coidado das persoas dependentes e faciliten a atención ás crianzas, que favorezan a creación de emprego digno e non por vulnerar os dereitos das traballadoras que o fan posíbel”.