Deficiencias no funcionamento do aire acondicionado provocan desmaios e até traslados a urxencias en centros sanitarios

A CIG-Saúde de Compostela denuncia a carencia de sistemas de climatización ou deficiencias no seu funcionamento na área sanitaria Santiago-Barbanza
Compostela - 25 Ago 2023

A CIG-Saúde Compostela denuncia a falta de medidas preventivas e de mantemento das instalacións de climatización da área sanitaria ante a chegada do período estival e o estado de alerta meteorolóxica. Asegura que a área sanitaria de Compostela e Barbanza limítase a enviar unhas instrucións derivadas do SERGAS sobre “Prevención dos efectos das altas temperaturas no traballo”, sen empregar os recursos necesarios para paliar a situación.

A CIG-Saúde Compostela ten denunciado nos diferentes Comités de Seguridade e Saúde a carencia de sistema de climatización nos Hospitais e centros de saúde e a falta de mantemento nos servizos onde si os hai. Ten solicitado ademais a planificación de actividades preventivas fronte a notificacións de incidencias como nos laboratorios, mais, afirma, “a Xerencia segue sen planificar e actuar”.

Explica que diferentes unidades dos Hospitais e centros de saúde comunicaron a Xerencia e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais a problemática que tiñan coa vaga de calor, mesmo afectando a áreas de pediatría, sen que se tomaran medidas axeitadas. A modo de exemplo sinalan a situación no Centro de Saúde Concepción Arenal, polo mal funcionamento do aire acondicionado que “non chega a todas as plantas”, o que provocou que o día 23 de agosto “unha enfermeira se desmaiara na primeira planta e un usuario da segunda planta tivera que ser trasladado ao servizo de urxencias”.

Alerta, por iso, de que nos centros de saúde de nova creación non se contempla a creación de sistema de climatización tal e como pasou e se denunciou no centro de saúde do Milladoiro.

Sen climatización no Hospital Provincial

Lembra que o Hospital Provincial de Conxo carece de sistema de climatización, producíndose todos os veráns situacións de calor sufocantes, malia ser un hospital onde a maioría de doentes son de idade avanzada e onde o persoal xa ten sufrido indisposicións pola calor, sen que se tomen medidas como o emprego de sistemas de refrixeración como ventiladores.

Xunto a isto sinala que o pasado día 23 de agosto houbo un incendio forestal na periferia dos Hospitais de Conxo, que no caso de incidencias puido repercutir nos Hospitais posto que no Hospital Provincial. Tras da denuncia na Inspección de Traballo da CIG-Saúde elaborouse un plan de autoprotección que a central sindical non avalou posto que, a día de hoxe, non hai unha planificación para realizar as intervencións necesarias ante as deficiencias detectadas nos informes técnicos e que permitan a implantación do plan de autoprotección coas medidas de seguridade axeitadas para traballadores/as e usuarios/as.

En canto ao Hospital Psiquiátrico non existe, a día de hoxe, ningún plan de autoprotección malia haber unha gran zona de maleza, tanto no propio recinto como nos exteriores. Como tampouco existe unha adaptación de menús con comidas lixeiras e que axuden a repor perdas hídricas para as e os doentes deste hospital.

“Insufrible” no hospital do Barbanza

Esta situación repítese no Hospital do Barbanza onde o persoal denuncia que “é insufrible estar nas habitacións de garda. É imposible descansar e os ventiladores foron comprados polas traballadoras”. A CIG explica que se solicitou hai anos unha avaliación por preventiva, pero, denuncia, “non se fixo nada”.

Engade ademais que neste centro hospitalario, “diálise está de sempre con problemas coa potencia do aire acondicionado, de feito ten aire e un pingüín a maiores, sobre todo pola tarde que da o sol de pleno, e din que para amañalo habería que pechar a unidade. Pediuse que, polo menos, puxeran unhas persianas especiais como as das habitacións de hospitalización, pero seguen con venecianas”.

Tras ter denunciado estas situacións, a CIG-Saúde segue á espera da planificación de elaboración dos plans ante emerxencias dos diferentes centros de saúde e exixidos por normativa. Por iso considera inaceptable a deixadez de responsabilidades da Xerencia ante o que “supón un grave risco para a saúde das traballadoras/es e usuarias/os”. Unha Xerente que “unha vez máis obvia que é a responsable de executar os planos de calidade, seguridade e atención ao cidadán no seu respectivo ámbito, segundo a normativa vixente”, denuncian.