Declaran ilegais os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta no 112

Con todo, empresa e Administración manteñen a súa intención de efectuar o traslado esta noite
Nacional - 18 Abr 2017

As traballadoras e traballadores do centro de atención de emerxencias, 112, están en folga desde o pasado sábado día 15 de abril. Este luns, diante do 100% dos servizos mínimos decretados por Vicepresidencia, o comité de folga presentou un recurso, na sala do contencioso-administrativo por consideralos abusivos. Onte mesmo o xulgado emitía un auto de “medidas cautelarísimas” recoñecendo a ilegalidade deses servizos mínimos e estimando os solicitados polo comité, dun 60%. Malia isto, Xunta e empresa manteñen a súa decisión de efectivizar esta mesma noite o traslado á Estrada.

O comité de folga considera como mínimo “temerario” que a Xunta de Galiza persista na súa teima de realizar este traslado, non só por estar o persoal en folga, senón tamén porque os problemas que o comité de empresa vén denunciando desde hai máis de dous meses, aínda non foron solucionados.

Lembran que a plataforma informática que hoxe entra en funcionamento continuaba a dar  “erros graves” este luns e que “isto podería disparar os tempos de resposta e mobilización dos recursos necesarios para atender coa máxima eficacia as emerxencias que puideran xurdir”.

Denuncia que é “neglixente” comezar a traballar deste xeito e advirten que “o que está en xogo son vidas humanas”.

Plan de Continxencias descoñecido

Xunto a isto lembran que aínda non se lles explicou en que consiste o Plan de Continxencias que traballadoras e traballadores terían que executar no caso de que se producisen incidencias que, por outra parte, consideran “previsíbeis” dada a falta de planificación que hai ao redor do traslado. “Se nós somos quen temos que aplicar ese suposto plan de continxencias, non estaría mal que nos dixeran en que consiste”, sinala o comité.

Con todo, consideran que estes problemas non se limitan ao que poida ocorrer esta noite, na que está previsto que se comece a traballar xa no novo edificio da Estrada, senón que se poderían dar en calquera momento a partir do traslado.

O comité de folga denuncia ademais a “incapacidade” da Xunta de Galiza para sentar a tratar coas/os representantes das traballadoras/es estes problemas, mais tamén os derivados de obrigar ao persoal  a pagar cos seus precarios salarios os custos derivados de ter que ir, desde esta noite, a traballar á Estrada. “Pagaremos dos nosos petos os gastos de gasolina derivados de facer 60 quilómetros diarios máis para ir traballar”.

Segundo os seus cálculos isto suporá detraer dos seus salarios mileuristas un 14% só en combustíbel, sen contar o aumento de horario que provocará ir e vir da Estrada a Compostela; os problemas de conciliación derivados disto; as consecuencias que terá para traballadoras e traballadores que teñen redución de xornada por coidado de fillos/as e os riscos que ten coller o coche logo de traballar até 10 horas, no caso das quendas de noite, máxime nun servizo no que o estrés forma parte do día a día deste persoal.

60% de servizos mínimos

O comité de folga presentou un recurso considerando que os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta de Galiza estaban vulnerando o seu dereito fundamental á folga. O xulgado, coincidindo coa argumentación do comité estimou que, efectivamente, eses servizos mínimos eran “ilegais” e vulneraban os seus dereitos fundamentais.

Deste xeito, Xunta de Galiza e empresa deberían, hoxe mesmo, acatar o auto do tribunal e substituír ese 100% polas porcentaxes decretadas polo xulgado. Ao entender do comité, isto debería obrigar á administración a adiar o traslado, recuperar o sentido común e sentar a negociar cos traballadores e traballadoras do 100% para atopar unha saída a un conflito que a propia Xunta de Galiza creou, evitando así calquera risco innecesario.