A FGAMT-CIG de Ourense denuncia o modelo de cursos impulsado por Coren, a maior cooperativo agroalimentaria cárnica do Estado español, ao abeiro da formación para o emprego da Xunta, cun calendario masivo de accións formativas vinculadas directamente ás necesidades produtivas da empresa no procesado e matadoiro avícola. Dende a central sindical entenden que a formación pública para persoas desempregadas non pode ser utilizada para nutrir de man de obra barata a compañías privadas, polo que reclaman transparencia no financiamento dos cursos e un control efectivo sobre as prácticas e as condicións laborais.
Entre maio de 2026 e marzo de 2027 programáronse numerosos cursos de “Operacións básicas de despezamento e elaborados en centro de procesado avícola” (378 horas) e “Operacións básicas de matadoiro avícola” (330 horas), todos eles impartidos por Coren en Ourense e dirixidos a formación inicial básica de nivel 1.
Non parece un plan de cualificación pensado para mellorar as posibilidades de atopar traballo, senón unha auténtica canteira de persoal para cubrir as necesidades produtivas da empresa
“Estamos a falar de máis de unha ducia de cursos consecutivos e solapados no tempo, orientados exclusivamente ás tarefas máis duras, repetitivas e precarizadas da industria cárnica avícola. Non parece un plan de cualificación amplo nin pensado para mellorar as posibilidades de atopar traballo das persoas traballadoras, senón unha auténtica canteira permanente de persoal para cubrir as necesidades produtivas da empresa”, sinalan dende a FGAMT-CIG.
A central sindical cuestiona que recursos públicos destinados á formación rematen funcionando como un mecanismo de subministración de man de obra barata ou directamente gratuíta para unha gran empresa privada. “Mentres miles de persoas desempregadas buscan formación con futuro e estabilidade, aquí promóvese un modelo enfocado en alimentar cadeas de produción cunha rotación continua de persoal”.
Ademais, estes cursos coinciden coas denuncias históricas sobre as condicións laborais no sector: ritmos de traballo elevados, elevada temporalidade, externalización e dificultades para consolidar emprego digno. “Tamén consideramos grave o silencio e a pasividade do comité de empresa diante desta situación. A representación legal das persoas traballadoras ten a responsabilidade de informar o cadro de persoal, fiscalizar posibles abusos e actuar cando existen indicios de que a formación pode estar sendo utilizada para cubrir necesidades estruturais de produción”.
Na CIG consideran que non é aceptábel que, ante unha planificación tan masiva e continuada de cursos directamente ligados á actividade produtiva, o comité non traslade explicacións claras nin promova un debate transparente sobre as consecuencias laborais deste modelo. “A falta de información e de actuación tamén contribúe a normalizar a precarización e a perda de dereitos”.
Para a central sindical, a formación para o emprego debe servir para:
- Mellorar a cualificación real das persoas traballadoras.
- Facilitar emprego estábel e con dereitos.
- Diversificar oportunidades laborais.
- E non para reducir custos de contratación das grandes empresas.
Polo que dende a CIG reclaman:
- Transparencia sobre o financiamento público destes cursos.
- Garantías de que o alumnado non substitúe postos estruturais.
- Control sindical efectivo sobre as prácticas e condicións.
- Información clara ao persoal por parte do comité.
- Un modelo formativo centrado nos dereitos laborais e non nos intereses empresariais.
Finalmente, queren deixar moi claro que non van aceptar que baixo o nome de “formación” se normalice un sistema de “precarización encuberta” ao servizo das grandes compañías agroindustriais.