Que o réxime xenocida estadounidense, que lanzou dúas bombas atómicas contra cidades indefensas, que patrocinou ditaduras fascistas, xenocidios como o que sofre o pobo palestino, golpes de estado por todo o mundo e que atacou decenas de países causando millóns de mortes se atreva, sequera, a criticar a Cuba, é desprezábel
O imperialismo xenocida estadounidense segue no seu empeño de render por fame e sufrimento o pobo cubano. Ese, e non outro, é o obxectivo do criminal bloqueo económico que impuxeron hai máis de 60 anos, co que agora estrangulan aínda máis a Cuba. Se o sadismo gringo non fose suficiente, pretenden, ademais, humillar ese pequeno país, que non só fixo fronte ao imperio máis poderoso da historia, senón que foi un faro de esperanza para os pobos do mundo.
Corren noticias de que Estados Unidos prepara unha acusación xudicial contra o expresidente cubano Raúl Castro polo derrubamento en 1996 de dúas avionetas da organización terrorista «Hermanos al Rescate» que entraron ilegalmente no espazo aéreo cubano, co respaldo do goberno estadounidense de Bill Clinton. A incursión ilegal desas avionetas, que despegaron en Florida, tiña como obxectivo provocar unha insurrección interna, nun contexto político-económico moi delicado para Cuba, que estaba sumida nunha grave crise económica e coa ameaza constante da agresión militar imperialista tras a implosión da Unión Soviética.
A desvergoña coa que actúa o imperialismo estadounidense é de tal calibre que resulta ofensiva. Cuba sufriu desde o triunfo revolucionario en 1959 graves ataques terroristas por parte do seu xenocida veciño do norte. Tan cedo que, en 1960, unha sabotaxe provocou dúas explosións contra o barco La Coubre no porto da Habana; a segunda explosión tivo como obxectivo os equipos de rescate e voluntarios que acudiron a socorrer ás vítimas da primeira explosión. No funeral polas decenas de vítimas mortais é onde se inmortalizou a famosa foto do Che. Ao ano seguinte produciuse a invasión mercenaria por Bahía de Cochinos, a cal foi derrotada en 72 horas, sendo os esbirros capturados intercambiados por medicamentos e alimentos para nenos.
Esas accións foron o comezo de moitas máis. O presidente Kennedy autorizou a "Operación Mangosta" para desenvolver sabotaxes industriais, apoio a movementos armados contrarrevolucionarios, guerra psicolóxica e intento de asasinatos de líderes revolucionarios. O propio líder da Revolución, Fidel Castro, sobreviviu a máis de 600 conspiracións para acabar coa súa vida.
Así mesmo, os EUA levaron a cabo unha guerra bacteriolóxica contra Cuba que se traduciu en epidemias e pragas na Illa, tales como a febre porcina africana (que obrigou a sacrificar por centos de miles de porcos), ou a epidemia de dengue hemorráxico, entre outras.
Non contentos co bloqueo e os ataques terroristas encubertos, o réxime estadounidense armou e financiou a organizacións terroristas como Alpha66, a cal puxo unha bomba en 1976 nun voo civil da aeroliña Cubana de Aviación, morrendo todas as persoas que ían a bordo, incluído o equipo nacional xuvenil de esgrima. Os seus autores viviron tranquilamente nos EUA até a súa morte. Ademais, na década de 1990, Cuba sufriu unha serie de atentados terroristas, baixo cobertura ianqui, contra a nacente industria turística, cuxo resultado foron unha serie de bombas en diferentes hoteis e a morte dun turista italiano.
Que o réxime xenocida estadounidense, que lanzou dúas bombas atómicas contra cidades indefensas, que patrocinou ditaduras fascistas, xenocidios como o que sofre o pobo palestino, golpes de estado por todo o mundo e que atacou decenas de países causando millóns de mortes se atreva, sequera, a criticar a Cuba, é desprezábel.
Cuba tentou construír un mundo mellor. Hai unha chea de razóns para defendela, pola súa historia e polo seu exemplo. Se alguén debería ser xulgado e condenado son todos os xenocidas que pasaron polo Despacho Oval.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 24 de maio de 2026]