Cuarta mobilización contra os despidos e os incumprimentos de Froiz

A CIG desenvolveu unha concentración diante dun establecemento de Salvaterra
- 06 Abr 2018

Delegados/as da CIG no comité de empresa e traballadores/as da cadea de supermercados Froiz na provincia de Pontevedra continuaron hoxe coa campaña de mobilizacións para rexeitar os despedimentos e os incumprimentos de convenio por parte da compañía, sobre todo co que ten que ver cos excesos de xornada sen remunerar. Nesta ocasión as protestas trasladáronse até un establecemento da localidade pontevedresa de Salvaterra do Miño, tras as celebradas anteriormente en Pontevedra, Baiona e no barrio vigués de Navia.

Entre os motivos das mobilizacións atópanse os despidos “improcedentes, inxustos e arbitrarios” que se produciron nas localidades de Salvaterra e Navia e os incumprimentos do convenio provincial de Alimentación, sobre todo co que ten que ver cos excesos de xornada “que a empresa non abona a pesar de que son horas extraordinarias que impón”. Mais tamén a denegación dos días de asuntos propios e das licenzas.

Estas cuestións foron denunciadas diante da Inspección de Traballo, “que levanta actas con sancións mínimas que o grupo Froiz recorre no Contencioso para dilatar o proceso e continuar a obrigar o persoal a facer horas extra que nunca cobran”. Dende a CIG-Servizos reclámanlle á dirección que sente a negociar para rematar con esta situación.