Crise económica: A dez anos da caída de Lehman Brothers

Genís Plana -

Desde unha óptica social as manifestacións da crise pasan polo aumento do desemprego debido ao peche de negocios e á relocalización do tecido industrial en zonas de menores custos laborais. A causa do aumento da forza de traballo excedentaria explícase en boa medida a conxelación ou diminución dos salarios reais daqueles traballadores empregados

 En breve haberá dez anos que a compañía de servizos financeiros Lehman Brothers, o 15 de setembro de 2008, se declarou en creba. Aínda que este feito supuxo un síntoma e non unha causa da crise financeira que xa se viña xestando como consecuencia das hipotecas de alto risco en Estados Unidos, a bancarrota de Lehman Brothers resulta igualmente significativa en tanto que ilustrou os abusos xurdidos pola falta de regulación das operacións financeiras. Malia que boa parte das entidades financeiras que se viron arrastradas ao colapso foron rescatadas mediante unha inxección de fondos públicos sen comparanza, os efectos da crise económica desatada parecen vixentes a nivel sistémico. Ante o cal segue sendo pertinente cuestionarmos aqueles aspectos relativos ás manifestacións, interpretacións e perspectivas dunha crise de alcance internacional que, aínda que puidese parecer máis ou menos amortecida, segue estando presente.

  1. Manifestacións da crise

 As crises económicas son entendidas como un período de recesión no que se produce unha diminución da actividade económica a unha escala determinada, sexa rexional, estatal ou global. A crise de 2008, aínda que tivo un alcance planetario, foi especialmente notoria naqueles países postindustriais altamente interdependentes das redes financeiras que operan a nivel internacional onde sitúan os principais centros bolsistas do mundo.

 Dito o cal, debemos considerar que existen diversas manifestacións da crise, malia que, desde un punto de vista analítico, poderiamos clasificar as súas expresións en dúas tipoloxías distintas: unha de índole económica e outra de cariz social. Amparados na obxectividade dos números, os datos macroeconómicos permítennos afirmar que o crecemento económico mundial non logrou alcanzar os rexistros previos a 2008 [1]. Porén, debido á tamén neutra e aséptica condición dos números, os datos económicos serán insuficientes para abordar de xeito máis profundo as manifestacións vitais da crise, cuxas implicacións se expresan nun plano inelutabelmente humano e social. Así pois, e a partir da nosa experiencia recente, de que falamos cando falamos de crise?

 De todas aquelas manifestacións relativas á súa expresión económica, un dos síntomas máis notorios das crises é o estancamento ou descenso do produto interior bruto dos países afectados como consecuencia da diminución da actividade económica. A nivel macroeconómico tamén é posíbel salientar un devalo da relación da balanza comercial con respecto ao produto interior bruto debido ás dificultades do comercio exterior, á vez que se produce unha contracción dos mercados internos ante unha xeneralizada contención salarial. Así mesmo, resulta propio das crises un descenso, cando non caída, da cotización bolsista das principais corporacións transnacionais e a creba de certas entidades financeiras. Pero especialmente son as pequenas e medianas empresas as que padecen a caída de beneficios. Desacelérase a produción e, en ocasións, o descenso da demanda comporta o peche dos centros produtivos. Iso implica que o capital previamente destinado ao investimento produtivo tenda a desprazarse á especulación financeira. Á súa vez, a caída do consumo e a produción, relacionados entre si ambos os factores, xera unha caída dos ingresos tributarios da administración pública a razón dunha menor recadación por taxas impositivas. Os organismos estatais tenden a entrar en déficit e, para seguir facendo fronte aos gastos públicos, prodúcese un ascenso da débeda soberana. Por outra banda, atopamos unha baixada dos tipos de xuros a fin de incentivar os fluxos económicos e reactivar a economía, malia que a desconfianza que a conxuntura xera que a poboación priorice o aforro por riba do gasto ou o investimento. Porén, a posta en funcionamento de políticas económicas de carácter expansivo pode ocasionar un aumento da inflación de xeito tal que o ascenso dos prezos ligado ao incremento da masa monetaria posta en circulación xere, de xeito colateral e non premeditado, un aumento da taxa de xuros. Pero estes efectos son máis continxentes que definitivos, pois dependen doutros factores e, principalmente, do tipo da saída que se busque darlle á crise.

 Desde unha óptica social as manifestacións da crise pasan polo aumento do desemprego debido ao peche de negocios e á relocalización do tecido industrial en zonas de menores custos laborais. A causa do aumento da forza de traballo excedentaria explícase en boa medida a conxelación ou diminución dos salarios reais daqueles traballadores empregados. Compréndese así que nas áreas afectadas pola crise se produza un crecemento da economía informal ou mergullada. De igual xeito, a precariedade ou o desemprego xeran un incipiente proceso de emigración cara a economías emerxentes. Debido á incapacidade por facer fronte ás hipotecas contraídas durante os anos de crédito doado, en tempos de crises prodúcese un considerábel aumento dos embargos inmobiliarios e dos desaloxos hipotecarios. Á súa vez, o déficit fiscal resulta en moitas ocasións un pretexto dos gobernos neoliberais para levar a cabo unha contención do gasto público que comporta recortes nos servizos sociais: o retroceso dos recursos en sanidade, o aumento do custo da educación, a introdución de taxas xudiciais, o abaratamento do despedimento ou o estancamento das pensións supoñen o estreitamento da soberanía popular a partir do avance daqueles poderes que non se someten a ningún control democrático. Prodúcese, por conseguinte, un descrédito da clase política e, concomitante a iso, unha desafección cara ás institucións. Pero ante todo deberiamos salientar o aumento da pobreza, o alargamento das fendas sociais e, como corolario diso, o aumento da tensión e a conflitividade social.

  1. Interpretacións da crise

 Se de ofrecer interpretacións verbo da natureza e as causas da crise se trata, podemos clasificalas en tres tipoloxías distintas: 1) a crise: fundamento psicolóxico, 2) a crise: fenómeno cíclico, 3) a crise: estrutural e sistémica.

1) O primeiro diagnóstico que se podería facer da crise levaríanos a pensar que a súa natureza se debe a factores de carácter ético, á mala xestión que fixeron do sistema financeiro os corredores de bolsa, os banqueiros, os políticos, e os empregados das axencias de cualificación de riscos e organismos supervisores. Segundo este parecer, previamente ao crash de 2008 se deron as condicións favorábeis para que a cobiza polo lucro comportase unha xestión errada na dirección daquelas organizacións implicadas na crise financeira. Pero se queremos comprender as súas verdadeiras causas deberiamos retrotraernos á orixe desta a partir da concesión de hipotecas de alto risco por todas as partes.

 En Estados Unidos os empréstitos hipotecarios [2] avivaron, a partir do inicio do novo milenio, unha burbulla hipotecaria que, á súa vez, xerou unha burbulla inmobiliaria: a baixada dos tipos de xuros alentou a demanda e, ante iso, os prezos das vivendas aumentaron considerabelmente, o cal provouc que o mercado inmobiliario tamén fose presa da especulación. En calquera caso, o principal risco radicaba na concesión dunhas hipotecas subprime a clientes con alta dificultade para facer fronte ás débedas contraídas pola adquisición das súas vivendas. Evidenciaríase a dimensión psicolóxica da crise ao advertir a imprudencia que cometeron aqueles banqueiros que concederon hipotecas dificilmente cancelábeis. Unha inmoralidade agravada se consideramos que estas hipotecas de alto risco foron cualificadas como activos financeiros bos ou excelentes por parte das axencias cualificadoras de risco. O que ocorreu baixo o visto e prace dunhas autoridades que desregularan o sistema, favorecendo prácticas especulativas que poñían en risco a seguridade habitacional de centenares de miles de persoas. A difusión do crédito subprime a investidores, principalmente, do continente europeo non fixo máis que propagar a crise á vez que os responsábeis desta cobraban multimillonarios despedimentos polo seu incompetente e/ou fraudulento cometido ao mando de organismos que actuaron de xeito nocivo ao vender activos tóxicos de xeito encuberto, ou permitir que iso se fixese. Así mesmo, o exceso de egoísmo que contempla esta interpretación psicolóxica incluiría a unhas autoridades públicas que posibilitaron o a impunidade dos responsábeis da crise.

 A razón deste diagnóstico, a prescrición que debería realizarse apunta á necesidade de regulamentar en maior medida o mercado de derivados co fin de minimizar a cobiza dos operadores financeiros. Outra operación ineludíbel para poñer couto a tales abusos sería acabar coas “portas xiratorias” que favorecen que o labor dos cargos públicos, ante a posibilidade de exercer laboralmente no sector privado ao concluír o seu mandato, estea supeditada aos intereses empresariais. A esta liña de pensamento adscríbense as declaracións de Nicolás Sarkozy, cando, a inicios da crise, chamaba a “refundar o capitalismo sobre bases éticas, as do esforzo e o traballo”. Porén, esta interpretación podería considerarse sumamente superficial por canto que as accións vituperábeis dos individuos, que doutra banda parecen constituír máis a norma que a excepción, desvían a atención dos fundamentos estruturais sobre os cales se desenvolve a crise.

2) A segunda das interpretacións apoiaríase nunha concepción cíclica da economía mundial: as crises constituirían un fenómeno consubstancial ao capitalismo en tanto que serían inherentes a este. Segundo esta focaxe, o comportamento dinámico da economía implica que as fases de recesión suceden as fases de ascenso económico. Tal sería o parecer de organismos de crédito multilateral como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Estas institucións estiman que, malia que as crises son en certa medida inevitábeis, é posíbel capealas ou minimizalas mediante reformas estruturais na economía, como a apertura dos mercados ou a privatización dos servizos que até o momento provía a administración pública.

 Porén, desde un compromiso político radicalmente distinto tamén se pode entender o fenómeno cíclico da económica como resultado de períodos oscilantes de auxe e crise. Neste sentido é que, ao xeito en que o afirma Manuel Monereo, as crises sempre deben entenderse en clave de “movemento, reestruturación, cambio e excepción que se converte en regra”. Autores como Immanuel Wallerstein e Giovanni Arrighi sosteñen, desde unha perspectiva crítica, que os ciclos económicos se relacionan cos ciclos hexemónicos, de maneira que a crise iniciada en 2008 daría mostras do esgotamento da supremacía que Estados Unidos veu exercendo desde a última fase de ascenso económico iniciada coa orde mundial xurdida tras a Conferencia de Ialta.

 Aínda que comporte unha considerábel deterioración da vida humana e unha importante degradación ambiental, David Harvey pensa que o capitalismo pode “sobrevivir” a esta crise económica. De igual xeito, Claudio Katz considera que “unha crise final resulta imprevisíbel” por canto que a chegada dun novo sistema económico dependerá antes da acción político-social que das limitacións que lle son propias ao actual sistema de acumulación de capital. De maneira que, para estes autores, actualmente estariamos nunha transición longa que anunciaría unha reconfiguración do capitalismo pero non necesariamente o seu colapso. Pola contra, Wallerstein asegura que o sistema económico capitalista, na súa fuxida cara a diante, acaba por non atopar forma de resolver as súas contradicións internas. De xeito que, para este autor, estariamos ante un dilatado período de crise terminal en que se abren as posibilidades para o xurdimento dunha nova orde mundial. Este prognóstico considera que a actual fase declinante da economía mundial é máis fonda que unha crise convencional na medida que non se trata unicamente dunha crise económica, máis concretamente financeira, nin de hexemonía mundial, pois igualmente posúe unha repercusión alimentaria e enerxética que afecta ao ámbito humano e ecolóxico do planeta.

3) A terceira das interpretacións da crise consideraría que a súa natureza radica nun sistema monetario que, sustentándose na creación de diñeiro sen previo proceso produtivo, orixina burbullas especulativas. Segundo Wim Dierckxsens, a partir dos anos setenta o capitalismo iniciou unha fase caracterizada por unha masiva entrada de capitais ao sector financeiro especulativo como consecuencia da caída da taxa de ganancia derivada do esgotamento dos mercados. A picada da burbulla de 2008 tivo que ser resolto mediante a inxección de diñeiro por parte dos bancos centrais, que rescataron o sistema financeiro ao facerse cargo das perdas da banca privada. Deste xeito, a través dunha inxente transferencia das rendas do traballo ás rendas do capital, a operación saldaríase coa privatización das ganancias e a socialización das perdas[3] . Semellante escenario fixo elevar a débeda externa dos países (principalmente do goberno estadounidense, epicentro da crise mundial) até niveis sen precedentes.

 Jorge Orbe recórdanos que este sobreendebedamento propiciado polo rescate das “entidades financeiras máis grandes do mundo e os negocios transnacionais asociados a elas “unicamente foi alixeirado pola masiva emisión de dólares estadounidenses por parte da Reserva Federal. Tratouse dunha acción que xeraría unha forte inflación interna de non ser porque segue existindo unha demanda estranxeira do dólar como divisa maiormente usada nas transaccións internacionais. Deste xeito, Estados Unidos exporta o efecto inflacionario da moeda e logra que esta non deprecie o seu valor, malia que iso suscite, así como o expresa Dierckxsens, unha “crecente desconfianza mundial respecto ao dólar como moeda internacional”. Ao non ter máis respaldo que a confianza que transmite, o patrón dólar pon de manifesto a inestabilidade financeira, non xa só de Estados Unidos, senón do sistema internacional: “unha brusca redución na demanda da divisa estadounidense significaría unha forte caída do seu prezo no mercado de divisas” (Dierckxsens). Conseguintemente, podería pensarse que as operacións militares de Estados Unidos en Oriente Medio teñen como principal obxectivo garantir que o pagamento do cru siga realizándose a través do dólar.

 Co fin de depreciar a moeda e facer máis competitivas as súas economías, a emisión inorgánica de diñeiro (isto é, sen un respaldo adecuado) por parte de varios países xera unha guerra de divisas chamada a configurar un novo paradigma na orde mundial. Polo que, tal e como afirma Manuel Monereo, “primeiro foi a crise da hipotecas lixo e, posteriormente, do sistema hipotecario norteamericano na súa totalidade, despois o virus mutou e puxo en crise o sistema financeiro mundial. (…) Máis tarde, unha nova mutación converteuno na crise das débedas soberanas e, actualmente, estamos no que o ministro de facenda brasileiro chamou guerras monetarias”.

  1. Perspectivas da crise

 Se pensamos de xeito estrutural, a crise xurdida hai unha década está chamada a reconfigurar de xeito integral as relacións de poder sobre as que se asenta o sistema internacional. Non sería insensato, por conseguinte, suxerir un horizonte bélico a medio prazo no que Estados Unidos trate de manter a supremacía do dólar estadounidense facendo valer a superioridade militar que o país segue mantendo con respecto aos seus perseguidores. Polo momento, unha das consecuencias inapelábeis da crise foi o aumento da demanda de ouro ante a crecente desconfianza do dólar (que o ouro regrese a ser un valor seguro de refuxio presupón que o dólar está en retirada como moeda de reserva internacional e medio internacional de pagamento). Iso débese a que as potencias emerxentes que no seu haber teñen a posibilidade de edificar un novo sistema internacional tratan de prescindir do dólar debido á súa posíbel desvalorización por mor da crecente emisión inorgánica de diñeiro estadounidense con que se pretende soster o elevado endebedamento do país.

 Por outra banda, se observamos a crise desde unha vertente humana e ecolóxica, conviría dicir que as súas perspectivas non son nada alentadoras. Certamente, unha das previsíbeis consecuencias da crise é o incremento das desigualdades socioeconómicas que se producen, non tanto a escala planetaria, como se, especialmente, no seo dos países. A crise interfire nos patróns humanos de reprodución vital, atravesando as comunidades mediante “dinámicas profundamente asimétricas na distribución da riqueza e as opcións de desenvolvemento entre países e persoas” (Millán). Dinos Dierckxsens que a día de hoxe “o 20 por cento da poboación mundial, concentrada no Norte, consome o 80 por cento dos recursos naturais”, o cal compromete, non xa só un principio básico de equidade entre os membros da humanidade, senón tamén a sostibilidade do medio natural no cal habita a humanidade.

 Polo tanto, unha saída benigna das crises pasa por modificar os patróns de produción, distribución e consumo. De non ser o caso, ábrese paso a unha pugna polas reservas de combustíbeis fósiles e outros recursos naturais sumamente imprescindíbeis para a vida, como é o caso da auga ou das terras cultivábeis, ao mesmo tempo que se prevé unha forte suba dos prezos dos alimentos debido ao uso dos biocombustíbeis. Non será senón desde novas formas de xestionar os recursos do planeta a través da socialización destes, na que prime o valor de uso por riba do valor de cambio, que será posíbel controlar e reparar a deterioración ambiental á que hoxe se ve abocado o planeta. Deste xeito, “o profundamento da crise actual é unha oportunidade de se desconectar das políticas neoliberais para así poder (re)conectarse coas necesidades e demandas populares” (Dierckxsens).

 En resumidas contas, a crise representada pola caída de Lehman Brothers parece transcender o modelo neoliberal para sinalar as mesmas inconsistencias do sistema capitalista. Iso débese a que a reprodución ampliada de capital xerou unha crise tanto ecolóxica como económica que xera como plausíbele unha crise civilizatoria que se revela, non xa conxuntural, senón máis ben estrutural. Así mesmo, o modelo improdutivo e especulativo ao que evolucionou a actual fase neoliberal do capitalismo dificulta notabelmente a continuidade das institucións internacionais xurdidas da orde mundial de posguerra: os acordos de Bretton Woods parecen esvaerse nunha época na que o sistema de gobernanza internacional tamén está nunha delicuescencia sen comparanza.

_______________________________________________________________________

Bibliografía:

Dierckxsens, Wim (2008). La crisis mundial del siglo XI: oportunidad de transición al postcapitalismo. Ed. Desde abajo, Bogotá, Colombia.

Harvey, David. (2010). El enigma del capital y la crisis del capitalismo. Ed. Akal.

Millán, Natalia (2013). Cambios en las estructuras de poder: interdependencia y asimetrías en la era global. En: Papel Político, Vol. 18, n.2, pág.677-699 (xullo-dec.2013).

Monereo, Manuel (2011). La gran transición geopolítica, crisis capitalista, ciclos hegemónicos y distribución de poder. En: El Viejo Topo, 278 (marzo 2011).

Orbe, Jorge (2013). El Sistema Mundo y sus principales tendencias. En: Lineasur n.5 (maio-ago. 2013).

Wallerstein, Immanuel (2002). ¿Globalización o era de transición? Una perspectiva de larga duración de la trayectoria del sistema-mundo. Eseconomía, Nueva época, Nº1, outono 2002: 1-12.

Wallerstein, Immanuel (2011) Crisis estructural en el sistema-mundo. Dónde estamos y a dónde nos dirigimos. Capítulo 2, págs. 1-9, en: El Despliegue de la Segunda Gran Recesión (editado por Paul Sweezy, et al.), Monthly Review 12. 15

_______________________________________________________________________

Notas:

[1] https://datos.bancomundial.org/indicador/NY.GDP.MKTP.KD.ZG (Consultado o 3.09.2018)

[2] Cómpre lembrar que os empréstitos como produtos bancarios non só incrementan a demanda efectiva de bens e servizos, senón que constitúen o mecanismo polo cal se crea diñeiro ficticiamente a través da débeda xerada.

[3] Que xa viña producindo mediante a caída do prezo do traballo, así como por sucesivas reducións fiscais para os tramos máis elevados dos ingresos.

_______________________________________________________________________

 

Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 5 de setembro de 2018]

Volver