Correos pecha temporalmente a oficina de Santa Cruz (Oleiros) por non substituír a unha traballadora que está de vacacións

A CIG-Correos denuncia a falta de previsión da empresa para ter suficiente persoal formado nas bolsas de substitución
A Coruña - 07 Set 2016
A CIG-Correos vén de demandar a contratación inmediata dunha persoa para substituír a traballadora que se encarga da apertura da oficina e que está de vacacións. Dende a central denuncian que a falta de previsión da empresa para ter suficiente persoal formado nas bolsas de substitución está a provocar situacións como esta. Unha cuestión que a CIG-Correos xa tiña denunciado previamente “pero dende a empresa fixeron oídos xordos ás nosas propostas”.

Segundo figura no cartel colgado na porta, Correos, por motivos “operativos”, pecha a oficina de Santa Cruz no Concello de Oleiros dende o día 1 até o día 9 de setembro, indicándolles ás usuarias e usuarios que deben dirixirse á oficina de Perillo para facer calquera trámite ou para demandar algún dos servizos que se prestaban dende esta oficina auxiliar.

Neste senso, dende a CIG-Correos da Coruña subliñan que, ademais de obrigar a veciñanza de Santa Cruz e Dorneda a desprazarse até Perillo para retirar calquera tipo de envío certificado ou de entrega personalizada que non puidera entregar o/a carteiro no domicilio, “non podemos esquecer que estamos en plena campaña electoral co aumento da correspondencia que isto significa e que nas oficinas estase solicitando o voto por correo”.

O feito de non ter substituído a titular do servizo que asume a apertura da oficina de 8:45 a 10:45, engade Miguel Ramudo, delegado da CIG en Correos, tamén prexudica ao resto dos traballadores e traballadoras “que teñen que facerse cargo do reparto da zona, a maiores do que lles corresponde”.

“A consecuencia da falta de previsión de Correos é que toda unha poboación como a de Santa Cruz, xunto coa súa zona de influencia, se atope sen estar atendida na oficina da localidade, véndose obrigada a realizar un desprazamento que moitas persoas non poderán facer ou que lles resultará custoso en tempo ou material ou fisicamente”, afirman.

Diante desta situación, a CIG Correos demanda unha solución urxente para este problema “que non pasa máis que por unha contratación inmediata para substituír a traballadora que está de vacacións, cubrindo deste xeito tanto a súa zona de reparto como a apertura da oficina”.