Convocan paros en Faurecia Asientos por incumprimentos en saúde laboral e aumento dos ritmos de produción

As seccións sindicais da CIG e da CUT desenvolverán concentracións na empresa coincidindo coa folga
Vigo - 09 Mai 2017

As seccións sindicais da CIG e da CUT na compañía viguesa Faurecia-Asientos de Galicia veñen de convocar paros de seis horas durante tres días ante os incumprimentos en saúde laboral e o aumento da produción. Ao mesmo tempo, desenvolverán concentracións diante da empresa coincidindo coas tres xornadas de folga, previstas para o mércores 10, xoves 11 e venres 12 de maio.

Segundo explican dende a representación sindical da CIG na compañía da automoción, os paros terán lugar de 11.00 a 14.00 horas na quenda de mañá, de 14.00 a 17.00 horas na de tarde e de 22.00 a 1.00 horas na de noite. Con esta mobilización, que incluirá concentracións ás portas da fábrica -situada no parque teconlóxico de Valadares- as centrais promotoras queren rexeitar os incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral e o aumento dos ritmos de produción.

Hai que lembrar que a federación de Industria da CIG xa criticara a finais do ano pasado que o preacordo de convenio entre a dirección e os sindicatos CCOO, UGT e CGT fixase a negociación do plan de accións e planificacións da saúde laboral para despois da sinatura do convenio. A marxinación da saúde laboral, entre outras cuestións, levaron á central a rexeitar o pacto, de igual xeito que o fixeron a CUT e a CSIF.