Convocan folga na empresa ourensá Autoneum pola negativa da dirección a equiparar as condicións laborais

O comité da compañía do sector da automoción con sede na Rúa de Valdeorras denuncia tamén o abuso da contratación mediante ETT

Vigo -

O comité de empresa de Autoneum Spain, compañía do sector da automoción con sede na localidade ourensá da Rúa de Valdeorras, vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida o 12 de xullo ante a negativa da empresa a equiparar as condicións de traballo que aplica noutras fábricas que ten no Estado español.

Dende a representación dos traballadores/as de Autoneum Spain (antiga Rieter Saifa) explican que decisión de convocar o paro indefinido, que comezará o vindeiro martes día 12, adoptouse tras a negativa da dirección a equiparar as condicións laborais existentes noutras fábricas que empresa posúe en distintas zonas do Estado español.

Ademais, con esta medida o comité -presidido pola CIG- quere denunciar o abuso que se fai das contratacións mediante empresas de traballo temporal (ETT). Neste senso, sinalan que arredor dun 10% do cadro de persoal está contratado por este sistema e critican a existencia de traballadores/as que levan máis de cinco anos con contrato por ETT.

“E todo isto a pesar de que estamos a falar dunha das plantas máis rendíbeis de todas as que este grupo suízo dedicado á fabricación de componentes para o sector da automoción ten no conxunto do Estado español”, rematan.

Volver