Convocan folga indefinida na empresa Viza Automoción polo bloqueo nas negociacións do convenio

A decisión foi adoptada pola maioría do comité (CIG, CCOO e UGT) da firma con sede no Porriño

Vigo -

As seccións sindicais da CIG, CCOO e UGT en Viza Automoción, compañía de capital galego con sede no Porriño, decidiron convocar folga indefinida ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo. A decisión de promover o paro, que será efectivo a partir da 6.00 horas deste martes 21, foi adoptada pola maioría do comité de empresa.

A convocatoria de folga indefinida chega despois de 12 xuntanzas coa dirección de Viza para abordar a negociación do novo convenio colectivo e tras comprobar que a empresa propón 90 despedimentos e unha baixada salarial do 10%, ademais da conxelación de soldos para o persoal indefinido e categorías inferiores para todo o de novo ingreso. Estas condicións terían unha vixencia de catro anos.

Dende as centrais sindicais que ostentan a maioría do comité lembran que os traballadores/as de Viza xa levan catro anos cos salarios conxelados, ademais de ter aceptaron unha bolsa de horas polas variacións da produción. Ao mesmo tempo, sinalan que na actualidade manteñen unha batalla xudicial para reclamar o incremento de soldos pactado no convenio anterior.

Neste senso, inciden en que a dirección da empresa leva anos incumprindo os acordos do convenio, así como os requirimentos da Inspección de Traballo, “ademais de exercer de xeito continuado represión sindical no centro de traballo”.

Sosteñen tamén que o grupo Viza estea a medrar, tal e como demostra a apertura de novas plantas no estranxeiro (Marrocos, Chequia, México), grazas ao esforzo do seu cadro de persoal durante máis de 50 anos.

“Estamos a ver como emprega axudas económicas e políticas públicas para conseguir proxectos e despois deslocalizalos a outras plantas, como o último de Wolswagen, no que se aproveitaron da Xunta de Galiza para ao final levar o proxecto á planta de Chequia, cando de facerse aquí garantiría carga de traballo para 10 anos”, aseguran.

Volver