Convocado novo día de folga no gran comercio téxtil da provincia da Coruña por un marco galego que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal

Coincidindo co paro de 24 horas fixado para o vindeiro 7 de xaneiro as centrais desenvolverán unha manifestación ás 12:00 horas dende a Praza de Lugo até o Obelisco
A Coruña - 30 Dec 2025

A CIG e UGT teñen convocada unha nova xornada de folga o próximo 7 de xaneiro no comercio téxtil da provincia da Coruña para reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal con peores condicións que pretende implantar a patronal ARTE (integrada polas grandes empresas do sector como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo). Tras as exitosas mobilizacións do pasado 10 de decembro o empresariado estatal aceptou na última xuntanza a prioridade da negociación autonómica, polo que a CIG solicitou a través do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) xuntanzas coas patronais provinciais para pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais.

Esta solicitude, cursada o pasado 11 de decembro, aínda non tivo resposta a día de hoxe, polo que as representacións sindicais das distintas empresas solicitáronlles ás direccións o compromiso de que non aplicarían o convenio de ARTE no caso de que entrase en vigor, petición que tampouco foi contestada. Diante disto optouse por levar adiante unha nova convocatoria de folga coincidindo co primeiro día de rebaixas para visibilizar unha problemática laboral que afecta a arredor de 2500 persoas e a unhas 40 empresas. 

A convocatoria de folga coincide co inicio do período de rebaixas 

Coincidino con este novo paro de 24 horas fixado para o mércores 7 de xaneiro as centrais sindicais teñen convocada unha manifestación na Coruña que arrincará dende a Praza de Lugo ás 12:00 horas e que percorrerá as principais rúas do centro da cidade até o Obelisco.

Dende a CIG-Servizos lembran que os termos nos que se está a negociar en Madrid -a próxima xuntanza está fixada para o vindeiro 21 de xaneiro- suporían un grave retroceso e unha marcha atrás nas condicións económicas e laborais do persoal ao impoñer salarios máis baixos (entre 2000 e 3000 euros anuais menos), eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir nas licencias, suprimir a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introducir maior flexibilización nos calendarios e horarios e recortar incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.

Centralización da negociación colectiva

Os intentos de centralizar a negociación colectiva iniciáronse hai máis de dous anos, logo das grandes compañías constituír unha nova patronal, ARTE. Este movemento, ademais, produciuse pouco despois da histórica loita levada adiante polas traballadoras das tendas de Inditex na provincia da Coruña, que rematou coa sinatura dun acordo con substanciais melloras económicas e laborais que a multinacional estendeu logo a todos os seus centros de traballo.

A centralización da negociación colectiva implicaría laminar a CIG da comisión negociadora, cando a central nacionalista ten unha representación maioritaria ou moi cualificada nas unidades de negociación existentes, que son os convenios provinciais.

Este convenio de ámbito estatal tamén suporía neutralizar ou conxelar durante anos as melloras laborais e salariais que as traballadoras de territorios como Galiza ou Euskal Herria conseguiron introducir nos convenios provinciais a través da loita e da mobilización; e ao tempo, esta gran patronal tamén busca desmobilizar as persoas traballadoras do sector.