Convocadas protestas no transporte de mercadorías da provincia da Coruña tras a ruptura das negociacións do convenio

As centrais sindicais desenvolverán unha primeira concentración no polígono da Agrela o xoves 9 de xullo ás 11:00 horas
A Coruña - 01 Xul 2026

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT, que compoñen a mesa negociadora do convenio colectivo provincial de transporte de mercadorías por estrada da Coruña, veñen de anunciar a convocatoria de mobilizacións tras a ruptura das conversas, comezando por unha concentración no polígono de Agrela, na Coruña, o xoves 9 ás 11:00 horas. Dende a parte social denuncian a negativa da patronal a abordar as principais demandas sindicais, ao tempo que rexeitan as propostas que pretende introducir no convenio.

As centrais sindicais explican que en agosto de 2025 asinouse un acordo para ese ano sobre a suba económica coa idea de non seguir acumulando meses co convenio caducado e propiciar a negociación dun convenio plurianual. O compromiso de ambas partes era que esa nova negociación contaría, ademais da suba económica, con melloras na xornada e na remuneración do traballo nocturno, en domingos, do tempo de presenza, así como melloras para o persoal de almacén e administración ou o recoñecemento de novas realidades no sector como son o emprego de camións megadúos ou trens de estrada, entre outras. 

As mobilizacións estenderanse posteriormente a outros polígonos con presenza de transporte de mercadorías

“Agora a patronal do sector pretende non abordar moitas desas cuestións ademais de, nun contexto de alza de prezos provocada pola guerra de Irán, non asumir unha garantía sobre os salarios”, lamentan.

Logo de meses de negociación, o empresariado presenta unha oferta económica que, para o ano 2026, é mesmo inferior ao IPC interanual de xuño, ademais de afectar só ao salario base, sen actualizar así o resto de conceptos (antigüidade, plus de larga distancia, dietas, etc). Ademais de pretender que os salarios só suban desde a sinatura do convenio e non desde o día 1 de xaneiro, algo que os sindicatos consideran inaceptable.

Perda de poder adquisitivo

Desta maneira a patronal quere afondar unha vez máis na “brutal” perda de poder adquisitivo deste sector nos últimos anos, que as centrais sindicais calculan en máis do 12% e que só recolleu o custe real da vida no citado acordo de 2025. Polo que insisten en que non van a asinar nada que non supoña unha recuperación desa fenda que provocou que sector xa non se considere como unha saída laboral digna. “Ás duras condicións do traballo no transporte únense uns salarios que hai moito que deixaron de atraer novas persoas traballadoras”.

Sinalan que a pretensión da patronal é repercutir cara a abaixo os costes e que volvan ser os cadros de persoal os que lles financien as empresas para competir no mercado con compañías máis grandes. Por iso anuncian o inicio inmediato de mobilizacións e dunha campaña de información no sector para darlle a volta a esta situación de “parálise e cerrazón” por parte da patronal.

A primeira mobilización será na Coruña, no polígono de Agrela o xoves 9 de xullo ás 11:00 horas, e posteriormente desenvolveranse novas protestas noutros polígonos da provincia con presenza de transporte de mercadorías.