Convocan manifestación para esixir máis persoal no centro de saúde de Navia

A xunta de persoal do Chuvi e SOS Sanidade Pública apostan por reforzar a atención primaria

Vigo -

A xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e a plataforma SOS Sanidade Pública convocan, co apoio da asociación veciñal Novo Vigo, unha manifestación para reclamar máis profesionais para o centro de saúde de Navia. Os colectivos apostan por un reforzamento da atención primaria para rematar cos problemas asistenciais da área sanitaria viguesa.

A marcha arrincará este mércores 11 dende a rúa Teixugueiras 18-20 ás 19.00 horas e rematará diante do centro de saúde co obxectivo de reclamar a dotación de máis persoal para rematar cos problemas asistenciais que padece a parroquia en particular e a área sanitaria viguesa en xeral. En concreto, para Navia demandan catro novos/as médicos/as, dous/as pediatras e alomenos catro enfermeiros/as.

Os colectivos convocantes explicaron hoxe en rolda de prensa que a falta de persoal na atención primaria “é ben coñecida por todos/as pois sufrímola cando pedimos cita para acudir a unha consulta de medicina de familia, de enfermaría ou necesitamos fisioterapia, situación que se agrava cando precisamos acudir ás consultas de pediatría”.

De feito, calculan que só en Vigo cada un dos 42 pediatras atenden de media arredor de 1200 cartillas, cando o ideal é que sexan como moito 900. “Deste xeito, sería necesario contar con 56, polo que abría que contratar 14 máis”. É por iso que solicitan que se saquen a concurso as prazas necesarias e que se cubran as baixas existentes.

Como exemplo do que acontece na atención primaria viguesa poñen o que está a suceder coa última vaga de gripe, que provocou o colapso das Urxencias do Álvaro Cunqueiro porque moitos/as pacientes tiveron que acudir ao hospital ante a falta de cobertura nos centros de saúde. En concreto, no caso de Navia durante a pasada ponte de decembro as dúas pediatras estiveron de baixa, polo que todos/as os doentes tiveron que desprazarse ao Cunqueiro ou a outros centros de saúde.

Recorte de prazas e mala planificación

Segundo denuncian, as causas desta situación son os recortes de prazas, o incumprimento da promesa electoral de construír novos centros de saúde en Vigo e a mala planificación nas necesidades dos profesionais -no caso da pediatría-, xunto cunha política de contratación centrada só no aforro económico.

Diante disto, decidiron iniciar mobilización para reclamar de xeito urxente que se utilicen todos os recursos dispoñíbeis na actualidade no centro de saúde de Navia, para o que é preciso dotalo de máis persoal de medicina de familia, pediatría, de enfermería, matronas, fisioterapeutas, auxiliares, persoal de servizos xerais, etc. Lembran que este centro ten unha importante lista de espera para cambiar de médico de familia e sosteñen que polas características da súa poboación precisa reforzar de xeito importante a pediatría.

Ademais, solicitan a creación dun centro de atención primaria no Anexo II do hospital Xeral que permita, ademais do traslado xa feito da rúa Bolivia, redistribuír tarxetas sanitarias dos servizos de atención primaria da Doblada e da rúa Cuba e adscribir as do barrio de San Roque na contorna do hospital Xeral.

Finalmente, apostan por dedicar os centros de especialidades que foron pechados á atención primaria para mellorar o espazo dispoñíbel no centro de saúde da Doblada e para desconxestionar os de López Mora (que está en malas condicións) e Coia.

 

Volver