Convocada asemblea nacional co persoal do Popular, Santander e Universal Support

A CIG ten previsto celebrala o día 20 en Santiago
Nacional - 13 Xun 2017

Representantes da CIG das empresas afectadas polo proceso de “derrubo e venda” do Grupo Popular reuníronse este luns, día 12 de xuño, na sede da central sindical para comezar a coordinar o traballo en defensa do emprego. Unha xuntanza na que, ademais de analizar a situación tanto para a clientela como para o persoal, acordouse convocar unha asemblea nacional cos traballadores e traballadoras do Banco Popular, do Banco Santander e Universal Support para o vindeiro 20 de xuño en Compostela.

Na xuntanza valorouse que “a decisión política de incautar o Grupo Popular pode ter un custe en materia de emprego tremendo”, tanto no emprego bancario, coma nas empresas auxiliares. Como exemplo puxeron o dos centros de chamadas de Universal Support sito na Coruña, no que 200 persoas traballan para o Banco. Por iso a CIG decidiu convocar unha reunión conxunta a fin de coordinar o traballo en defensa do emprego.

Ademais as e os representantes da CIG decidiron demandar publicamente unha solución para a clientela afectada pola resolución do Grupo Popular. “Se non hai unha solución satisfactoria, o desgaste para o Banco Santander será constante”, consideraron “enfrontándose a unha conflitividade crecente que dificultará os obxectivos comerciais de mantemento do volume de negocio que poda ter a Dirección”.

Duplicidades e triplicidades

Por outra banda na reunión analizouse un informe realizado pola propia central sindical sobre as duplicidades e ‘triplicidades’ de oficinas e a suma de traballadores e traballadoras resultante en cada centro, aos que habería que engadir os Servizos Centrais existentes na Coruña e o emprego das empresas auxiliares. Para a CIG non sobra persoal aínda que matiza que “temos claro como funcionan os bancos, estes procesos rematan por destruír emprego a custo de sobrecargar de traballo ao persoal que incrementa as horas extras non pagadas”.

Os datos son, para a central sindical “obvios” e levan a concluír que “unha fusión a tres bandas tería un maior impacto tanto no emprego directo coma no indirecto”. Por iso, e dado que o Banco Pastor é unha entidade asentada en Galiza e economicamente viable, habendo incluso unha crecente demanda da sociedade civil para que se manteña a marca, as e os representantes da CIG defenden que esa sería a opción máis favorable.

“Unha posible integración a dous deixando aínda que fose unha marxe temporal, permitiría salvagardar un maior nivel de emprego directo e nas empresas auxiliares. O poder de organización recae sobre a Dirección, pero o noso deber é a defensa do emprego. Se optan pola decisión que terá maiores consecuencias, deben ser conscientes que o procedemento será mais custoso para as partes”, indican.

Ante esta situación e co obxectivo de valorar co persoal de todas as empresas implicadas os pasos a dar en defensa do emprego, a CIG decidiu a convocatoria dunha Asemblea Nacional Conxunta de traballadores e traballadoras para o vindeiro 20 de xuño en Santiago. “Temos a obriga de ser activos na defensa do emprego”, conclúen.