As traballadoras e traballadores do comercio volverán á folga mañá, martes 2 de xuño, para demandarlle á patronal un acordo interprofesional galego que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais e garanta os dereitos laborais e salariais. Esta nova xornada de folga convócase coincidindo coa xuntanza en Madrid na que, previsibelmente, se procederá á sinatura definitiva do convenio tras o preacordado acadado a pasada semana entre a gran patronal do téxtil e do calzado e os sindicatos CCOO e FETICO.
Para mañá tamén están convocadas as seguintes mobilizacións:
- A Coruña, ás 12:00h, concentración diante da CEC (Praza de Luís Seoane).
- Vigo, ás 11:15h, manifestación dende o Cruce de Gran Vía con baixada ao Castaño.
Na Coruña, o persoal está sostendo unha acampada reivindicativa diante da CEC dende o pasado luns 25 de maio, xa que a patronal coruñesa é a máis reticente a asinar un acordo marco galego do comercio que garanta a prioridade de aplicación dos convenios provinciais fronte ao estatal de ARTE, tal e como xa se fixo no País Vasco.
Pero ademais, o empresarido da Coruña tampouco quere constituír a mesa de negociación do convenio provincial de comercio vario, que caducou o 31 de decembro, e hai que renovar.