Convocada folga en Artes Gráficas o 25 e 26 de outubro e o 7 e 8 de novembro por un convenio digno

A CIG entende que nesta negociación tense que garantir a recuperación do poder adquisitivo do persoal
Nacional - 23 Out 2017

O sector de Artes Gráficas está chamado á folga os días 25 e 26 de outubro e o 7 e 8 de novembro en demanda dun convenio colectivo digno. Os paros, de 24 horas, afectan os traballadores e traballadoras de artes gráficas, manipulados do papel e cartón, editoriais e industrias auxiliares.

O convenio, de ámbito estatal, estase a negociar dende principio de ano e, a pesar do proceso de mediación aberto, non se teñen producido avances nas pretensións da parte social polo bloqueo patronal. As organizacións empresariais buscan, unha vez máis, a sinatura dun convenio que siga a precarizar as condicións de traballo no sector (xornada flexíbel, salarios, antigüidade...).

A causa desta parálise, a CIG-Industria acordou, en asemblea de delegados/as, promover varias xornadas de folga para conseguir un convenio digno, a través do que se  comecen a recuperar os dereitos perdidos.

As reivindicacións máis importantes de cara ás xornadas de folga son:

- Aplicación de incremento salarial “real”, sen absorción.

- Aplicación de cláusula de revisión salarial, sobre o IPC real.

-  Ultraactividade do convenio até a sinatura dun novo.

- Redución da flexibilidade da xornada actual, que pode chegar a superar o 30% da xornada.

"Estes puntos serían os mínimos para valorar, en asemblea de traballadores/as, a sinatura do convenio", apuntan dende CIG-Industria. Pola súa banda, a patronal ofrece para 2017 un miserento incremento salarial de 100€ para todas as categorías sen absorción, máis un 1,4% absorbíbel dende a publicación no BOE, e un incremento do 1,6% absorbíbel para o 2018, e non aceptan a revisión salarial. O resto dos puntos fican todos pendentes de negociar.

Diante deste bloqueo, a CIG aposta pola mobilización "como único camiño para esixir unhas condicións dignas para os traballadores/as do sector".