Convocada folga na administración de Xustiza para esixir a recuperación dos dereitos e o emprego

Os paros serán os días 1 e 13 de decembro e o 16 de novembro haberá concentracións nas cidades

Nacional -

Traballadores e traballadoras da administración de xustiza irán á folga os días 1 e 13 de decembro para reivindicar melloras salariais, rematar coas penalizacións por IT, esixir o pagamento do 100% das substitucións e a reposición das prazas amortizadas. A decisión de iniciar medidas de presión acordouse nas asembleas celebradas esta semana, ante o bloqueo das negociacións coa Dirección Xeral de Xustiza, "incapaz de resolver estas cuestións". Previamente ás xornadas de folga, o próximo 16 de novembro, as centrais sindicais SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO convocan concentracións nas sete cidades galegas, ás doce do mediodía.

As centrais sindicais denuncian que os traballadores e traballadoras do sector en Galiza están sendo reiteradamente discriminadas na retribución do complemento transitorio con respecto ao resto do persoal do Estado, cunhas diferenzas salariais acumuladas no período 2013-2017 que poden variar entre os 4.000 e os 10.000 euros, dependendo do corpo ao que se pertenza. Por iso, explican dende CIG-Xustiza, unha das demandas dos sindicatos é a subida do complemento transitorio autonómico, retirado das pagas extraordinarias polo Goberno de Feijoo, durante estes últimos catro anos.

Xunto a isto, reclaman á Xunta retirada do discriminatorio desconto que se lle aplica ao persoal da administración de xustiza en caso de IT, pero que non se aplica a xuíces e xuízas, fiscais ou letrado/as; así como a negociación do pagamento do 100% das substitucións, pois a diferenza do que pasas noutras autonomías, en Galiza o persoal que cubre un posto en substitución vertical non cobra a totalidade do posto que ocupa.

Recuperación de prazas amortizadas

A representación social solicita tamén que se negocie un plan recuperación das 106 prazas amortizadas en 2013 e que afectaron especialmente aos xulgados do contencioso, de paz, de familia e ás audiencias provinciais. Isto, engade CIG-Xustiza, supuxo un incremento substancial da carga de traballo e atrasos, por exemplo, á hora de executar as sentenzas.

Nesta liña, as centrais sindicais piden a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, comprometida pola Dirección Xeral de Xustiza, cando "a realidade é que nin sequera se entregou a relación dos reforzos que existen e a data de aprobación do mesmo".

Ante a falta de negociación nestes temas por parte da Dirección Xeral de Xustiza, “que se nega reiteradamente a abordar na mesa de negociación os temas solicitados”, as centrais sindicais acordaron propor un calendario de mobilizacións “para forzar a administración a presentar propostas concretas sobre eses temas”. De non producírense avances, as organizacións sindicais non descartan endurecer as medidas de presión a partir do mes de xaneiro coa convocatoria dunha folga indefinida.

Volver