Convocada folga indefinida en Leche Celta dende o xoves

O cadro de persoal da planta de Meira continuou hoxe cos paros laborais e as mobilizacións

Meira -

O persoal de Leche Celta arrincou hoxe unha nova semana de mobilizacións realizando unha manifestación polas rúas do centro de Meira e coa vista posta na folga indefinida que comezarán o próximo xoves ante a falta de movementos por parte da empresa, que nin respondeu á proposta trasladada polo comité nin presentou novas ofertas que permitan chegar a un acordo.

Este luns, os traballadores e traballadoras volveron saír en manifestación dende a factoría, percorreron as rúas do centro de Meira e regresaron ás instalacións, onde mantiveron unha concentración até as 16 horas. Até o inicio da folga indefinida do xoves, o persoal desenvolverá paros rotativos de catro horas por quenda de traballo.

Non se transforma "nin un litro de leite"

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López Carmona, informou que, dende este luns, na factoría non está a transformar "nin un só litro de leite", derivando a empresa toda a súa recollida cara a outras industrias ou aos seus propios centros. Unha decisión que para o comité (con maioría da CIG) resulta sorprendente polas posíbeis consecuencias no mantemento do seu único cliente, Mercadona.

Durante a concentración de hoxe, engade López, o comité recibiu unha comunicación telefónica da empresa na que non achegou "ningunha solución nin compromiso de sentarse a negociar, co que dende a xornada do pasado día 28 de marzo até hoxe, os responsábeis da empresa non compareceron persoalmente na factoría para intentar comprometer unha solución".

Actitude irresponsábel da empresa

O persoal considera esta actitude como unha "completa irresponsabilidade" por parte de Leche Celta. Aínda así, a representación dos traballadores e das traballadoras convidou a dirección a presentarse nas instalacións "para aclarar as dúbidas e para buscar unha solución ao conflito pola discriminación salarial e de dereitos que sufre o persoal de Meira".

Neste senso, os traballadores e traballadoras reiteraron que non van asumir ningunha proposta da empresa que supoña manter as diferenzas con respecto ás condicións que teñen os compañeiros e compañeiras de Leche Celta de Pontedeume.

Así as cousas, na xornada de mañá o persoal manterá unha concentración diante da factoría, dende as 12.00 horas até ás 15.00 horas, coincidindo co paro de media xornada.

Volver