Convocada folga indefinida en Inoxidables de Rábade en demanda de melloras salariais e laborais

Haberá paros laborais de dúas horas por quenda de traballo

Lugo -

Os traballadores e as traballadoras de Inoxidables de Rábade comezarán folga indefinida a partir do mércores 6 de xuño para esixir melloras salariais e laborais, tras non acadar ningún avance nas negociacións coa empresa durante os últimos 18 meses. A folga efectivizarase en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo (que comezarán ás 10 horas, ás 16 horas e ás 23 horas). Ademais, na xornada deste mércores, para dar maior visibilidade ao conflito, está convocada unha concentración diante da fábrica entre as 11:30h e as 12:00h

A decisión de iniciar folga acordouse por maioría absoluta da asemblea de traballadores/as co obxectivo de que a empresa entre a negociar dunha vez as propostas do comité. Dende as federacións de Industria da CIG e CCOO denuncian que ao longo de oito reunións, a empresa negouse de xeito sistemático a atender as demandas da parte social, a pesares dos bos resultados económicos dos últimos anos.

A pesar dos bos resultados económicos a maioría do persoal non tivo ningunha mellora laboral ou salarial nos últimos dez anos"

"Inoxidables de Rábade dedícase á fabricación de tubo de aceiro inoxidábel para o automóbil, principalmente de alto valor engadido, e está (segundo a Base de datos Ardán 2018) no posto 32 de facturación da provincia de Lugo, cun importe superior os 17.000.000€. Porén, a maioría dos traballadores e traballadoras non tiveron ningunha mellora nas súas condicións laborais e salariais nos últimos dez anos", subliñan.

Táboa reivindicativa

A este respecto, explican que a táboa reivindicativa contempla melloras en formación; o comedor; o calendario laboral e de vacacións de 2018; unha revisión das categorías; que o persoal carretilleiro pase a ser oficial de primeira; a equiparación salarial e igualdade salarial tanto dentro da mesma categoría como con outras plantas do grupo; que os incentivos acaden os 500€ trimestrais; un plus de penosidade, toxicidade e perigosidade; ou relativos á roupa de traballo.

Tamén hai outras demandas relacionadas con problemas de ruídos, luminosidade e o uso de produtos químicos; e a respecto das propias instalacións, como melloras na ventilación e a adaptación térmica da neve ou cubrir os aparcadoiros.

Volver