Convocada folga en Abanca, o 11 de xaneiro, en demanda de medidas para compensar a perda de poder adquisitivo

Convocan, para ese día, unha manifestación na Coruña, con saída ás 11:00 h do Obelisco
Nacional - 20 Dec 2023

Os sindicatos CIG e ASCA anuncian a convocatoria dunha primeira xornada de folga, para o vindeiro 11 de xaneiro, en Abanca. Reclaman medidas para compensar a perda de poder adquisitivo, cunha caída que cualifican de “brutal” dos salarios desde o 2010 e a apertura dunha negociación para reducir os horarios laborais.

O vindeiro 11 de xaneiro o persoal de Abanca está chamado á folga, a primeira no sector que se convoca para exixir que os beneficios multimillonarios non sexan a custa de manter os duros recortes que a entidade impuxo ao persoal durante os anos de crise financeira.

Os salarios do convenio de CECA, que agrupa aos bancos nacidos das antigas caixas, entre eles Abanca, incrementáronse un 5,1% desde o 2010, mentres que o IPC subiu un 27.1%. A este recorte salarial engaden que desde a fusión das caixas o persoal sufriu numerosos expedientes nos que o banco recortou salarios (hoxe os máis baixos do sector financeiro) ao tempo que ampliou horarios (o persoal traballa máis tardes e durante máis meses que no resto de entidades).

Xunto a isto denuncian a destrución de emprego fixo, mentres medrou a temporalidade, nomeadamente a través da utilización de contratos en prácticas para a cobertura de postos estruturais, ou contratos a tempo parcial. Isto provocou unha precarización do emprego e as condicións laborais dese persoal, moitas veces desprazado a oficinas fóra do lugar de residencia. Estas condicións precarias deron lugar a dificultades para contratar e a renuncia do persoal. Unha práctica copiada do banco matriz, o Banesco de Venezuela.

Clima laboral tóxico

Con esta convocatoria, á que está chamado todo o persoal da Entidade, pretenden denunciar tamén o clima laboral tóxico derivado dunha política comercial tremendamente agresiva.

Reclaman, ademais, medidas ante a vaga de atracos en oficinas de Abanca, nomeadamente en Vigo e Ourense, que poñen en perigo a integridade física das persoas, demandando que se revertan os recortes en materia de seguridade, realizados polo banco para engordar a conta de resultados.

Ante esta situación os sindicatos CIG e ASCA, logo de tentar conseguir a máxima unidade de acción sindical, optaron pola convocatoria dunha primeira xornada de folga o 11 de xaneiro, na que reclaman a apertura dun proceso de negociación por parte de Abanca. Unha entidade que tivo uns beneficios en setembro de 429 millóns de euros, triplicando os do ano anterior, pero que pretende manter indefinidamente as condicións laborais implantadas a través dos sucesivos EREs xustificados pola crise financeira.

Así mesmo, e coincidindo con esta xornada de folga, o 11 de xaneiro, está convocada unha manifestación na cidade de A Coruña, que sairá as 11 da mañá do Obelisco.