Contundente resposta do profesorado na folga de 48 horas no ensino público galego
O profesorado galego deu unha contundente demostración de dignidade e unidade secundando a folga de 48 horas e as mobilizacións convocadas os días 28 e 29 de outubro. O colectivo docente galego suma tres xornadas de paro xeral dende o inicio do curso e, da Consellaría de Educación non mudar as súas políticas, as accións de protesta intensificaranse nas próximas semanas.
A CIG-Ensino salientou a elevada participación que desbordou todas as previsións do sindicato e valorou que o Goberno do PP na Xunta de Galiza non pode seguir ignorando este clamor do ensino público. “A Consellaría ten que pórse do lado do profesorado, investir máis no público e non nas empresas privadas, aumentar o número de docentes e non a burocracia, reducir o horario e as ratios e non recortar a nosa liberdade de cátedra como pretende”.
A secretaria nacional da federación, Laura Arroxo, denunciou a falta de persoal docente, os recortes na atención á diversidade ao buscar que unha persoa orientadora atenda máis de 300 rapaces ou rapazas, o déficit que sofren os centros en especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o abandono dos colexios do rural ou os ataques á lingua galega “á que pretende someter ao ostracismo”.
Arroxo tamén criticou os intentos de desmobilización por parte da Consellaría anunciando nas vésperas da folga a convocatoria de 1.500 prazas das oposicións para o ano que vén, obviando que se trata de cubrir a taxa de reposición, é dicir, de substituír as persoas que se xubilan por novo funcionariado de carreira sen que isto signifique ningún incremento sobre o número de profesorado actual.
Nesta liña apuntou que “no proxecto de Orzamentos para o vindeiro curso, o número de profesorado mantense na mesma cifra que nos últimos 5 anos (30.424 persoas) e as partidas para educación soben moi por debaixo da media do que soben outras consellarías”.
“O profesorado, o alumnado e as familias queren un ensino público vivo, de calidade, galego e integrador. Polo tanto, seguiremos mobilizándonos para recuperar e avanzar en dereitos e por un ensino público galego con futuro”.