Contradicións centro/periferia na Unión Europea e a crise do euro

Eric Toussaint -

A anulación da parte ilexítima da débeda pública, o abandono das políticas de austeridade, a imposición masiva ao gran capital, a expropiación dos bancos para integralos nun servizo público do aforro e do crédito, a redución do tempo de traballo, a fin das privatizacións e o reforzo dos servizos públicos son medidas esenciais dun programa alternativo á xestión capitalista da crise

A crise desencadeada en Estados Unidos nos anos 2007-2008 alcanzou con forza os países da Unión Europea en 2008, provocando graves perturbacións na Eurozona a partir de 2010 |1|. Os bancos dos países europeos máis fortes están na orixe do contaxio de Europa, posto que realizaran investimentos masivos en produtos financeiros estruturados. Dito isto, é importante explicar por que esta crise afecta máis duramente á Unión Europea, e en particular á zona euro, que a Estados Unidos.

 Entre os 28 países da Unión Europea, 18 deles teñen unha moeda común, o euro |2|. A UE conta cunha poboación duns 500 millóns de habitantes |3|, ou sexa, case a metade da de China, de África ou da India; dous terzos da latinoamericana, e un 50 % máis que a estadounidense.

 Obsérvase unha gran desigualdade entre os Estados da Unión Europea: os países industrializados e máis fortes da UE son Alemaña, o Reino Unido, Francia, os Países Baixos, Italia, Bélxica e Austria; hai once países que proveñen da antiga Europa do Leste (tres repúblicas bálticas -Estonia, Letonia e Lituania-, Polonia, a República Checa, Eslovaquia, Hungría, Bulgaria e Romanía que formaban parte do bloque soviético; Croacia e Eslovenia, que constituían unha parte de Iugoslavia); e despois están os países fortemente afectados pola crise do euro: Grecia, Portugal, o Estado español, Irlanda e Chipre.

Unha disparidade salarial da que se benefician as grandes empresas privadas

 A disparidade salarial é enorme: o salario mínimo legal en Bulgaria (156 euros de salario bruto mensual en 2013) é entre 8 e 9 veces inferior ao de países como Francia, Bélxica e os Países Baixos |4|. Mais a desigualdade salarial pode ser tamén moi grande dentro dun mesmo país da UE. Por exemplo, en Alemaña 7,5 millóns de traballadores débense contentar cun salario mensual de 400 euros, cando é normal que sexa de máis de 1.200 euros (en Alemaña non existe un salario mínimo legal nacional).

 Esta disparidade permite ás grandes empresas europeas ser moi competitivas, en particular as empresas industriais alemás que trasladan unha parte da súa produción para que a realicen obreiros e obreiras de países como Bulgaria, Romanía e outros de Europa central e do Leste. Despois devólvense as pezas a Alemaña para a súa ensamblaxe e o acabado do produto final. Para rematar, eses produtos, cun custo salarial que foi comprimido ao máximo, expórtanse a países da Unión Europea ou ao mercado mundial. Hai que subliñar que no interior da UE non se pagan taxas de importación/exportación.

Disparidades reforzadas entre países

 A negativa da UE a desenvolver unhas verdadeiras políticas comúns para axudar os novos membros na redución da súa desvantaxe con respecto aos países europeos máis fortes, contribuíu a reforzar unhas disparidades estruturais prexudiciais no proceso de integración. Os tratados europeos foron concibidos para servir aos intereses das grandes empresas privadas, que aproveitan a desigualdade das economías da Unión para aumentar os seus beneficios e reforzar a súa competitividade.

 O orzamento da Unión Europea é minúsculo, xa que é o un por cento (1%) do seu produto interior bruto, mentres que o orzamento normal dun país industrializado representa o 45 ou o 50%, ou máis, do seu PIB. É o caso do orzamento federal de Estados Unidos, administrado por Barack Obama, ou o de Bélxica, o Estado español ou Francia |5|. Para dar unha idea de até que punto o orzamento xestionado pola Comisión Europea é irrisorio abonda con dicir que é comparábel ao de Bélxica, que ten 10 millóns de habitantes, ou sexa, unha quincuaxésima parte da poboación da Unión Europea. Débese sinalar que a política agrícola común representa preto do 50 % do orzamento da UE.

A crise non foi provocada pola competencia exterior

 A crise non se debe á competencia de China, Corea do Sur, Brasil, a India ou doutras economías de países en desenvolvemento.

 No curso dos últimos dez anos, Alemaña (así como os Países Baixos e Austria) lanzouse a unha política neomercantilista: logrou aumentar as súas exportacións especialmente no interior da Unión Europea e da eurozona, reducindo os salarios dos seus propios traballadores |6|. Gañou así competitividade con respecto aos seus socios, e nomeadamente fronte a países como Grecia, o Estado español, Portugal, Italia (que participan da Eurozona) e mesmo Romanía ou Hungría. Estes viron como se instalaba ou se profundaba o seu déficit comercial con respecto a Alemaña e a outros países do Centro.

O euro como camisa de forza

 Cando se implantou o euro, a moeda alemá foi subvaluada (a pedimento de Alemaña) e, en cambio, as moedas dos países máis débiles foron sobrevaluadas. Isto fixo máis competitivas as exportacións alemás no mercado dos outros países europeos, e os máis débiles de entre eles resultaron particularmente afectados (Grecia, Portugal, o Estado español, países de Europa Central e do Leste…).

 En xeral, o endebedamento dos países da periferia da Unión Europea débese esencialmente ao comportamento do sector privado (a banca, as empresas de construción inmobiliaria, o resto da industria e o comercio). Incapaces de competiren coas economías máis fortes, os sectores privados endebedáronse cos bancos do Centro (Alemaña, Francia, Países Baixos, Bélxica, Austria, Luxemburgo…) e tamén con axentes internos, financeirizándose amplamente a economía destes países logo da adopción do euro. O consumo experimentou un boom nos países periféricos, e nalgúns deles (por exemplo o Estado español) desenvolveuse unha burbulla inmobiliaria que finalmente estopou. Ademais, os gobernos destes países acudiron en auxilio dos seus bancos, o que provocou un forte aumento da débeda pública.

 Evidentemente, os países que integran a Eurozona non poden depreciar as súas moedas porque adoptaron o euro. Estados como Grecia, Portugal ou o Estado español están así no aire por mor da súa pertenza á Eurozona. As autoridades europeas e os seus gobernos nacionais aplican entón o que se denomina unha depreciación interna: impoñen a redución dos salarios en gran beneficio dos donos e directivos das grandes empresas privadas. A depreciación interna é por conseguinte sinónimo de redución de salarios, e utilízase para aumentar a competitividade. Porén, compróbase a súa moi pouca eficacia para recuperar o crecemento económico, xa que as políticas de austeridade e de represión salarial se aplican en todos os países. En cambio, os donos das empresas están satisfeitos pois había moito tempo que desexaban reducir radicalmente os salarios. Desde este punto de vista, a crise da Eurozona, que se agudizou a partir dos anos 2010-2011, constitúe unha ganga para a patronal. O salario mínimo legal foi fortemente reducido en Grecia, Irlanda e outros países.

O mercado único de capitais e a moeda única

 Mentres que a crise xurdiu en Estados Unidos en 2007, o impacto que tivo na Unión Europea foi moito máis violento que nas institucións políticas e monetarias estadounidenses. De feito, a crise que abala a zona euro non é sorprendente posto que é un avatar dos dous principios que rexen esta zona: o mercado único de capitais e a moeda única. Nunha perspectiva máis ampla, a crise é a consecuencia das lóxicas que dominan a integración europea: a preeminencia que se dá aos intereses das grandes empresas industriais e financeiras privadas, a importante promoción dos intereses privados, o desenvolvemento da competencia, no interior do espazo europeo, de economías e produtores con forzas totalmente desiguais, a vontade de retirar dos servizos públicos un número crecente de sectores, o desenvolvemento da competencia entre asalariados que implica o rexeitamento á unificación, utilizando os estándares máis altos, dos sistemas de seguridade social e da normativa laboral, para ampliar a protección dos traballadores. Todo isto persegue un obxectivo preciso, o e favorecer a acumulación máxima de beneficios privados, especialmente ao poñer a disposición do Capital unha man de obra o máis maleábel e precaria posíbel.

O monopolio do crédito aos Estados está reservado aos bancos privados

 En virtude do Tratado de Lisboa, a solidariedade financeira entre os Estados membros está formalmente prohibida. Segundo o seu artigo 125, os Estados deben asumir en solitario os seus compromisos financeiros, e nin a Unión Europea nin os outros Estados poden responsabilizarse deles |7|. O artigo 101 do tratado de Maastricht |8|, retomado integralmente polo Tratado de Lisboa |9|, engade: «Estalle prohibido ao BCE e aos bancos centrais europeos dos Estados membros [?] conceder descubertos ou calquera outro tipo de crédito ás institucións ou órganos da Comunidade, ás administracións centrais, ás autoridades rexionais, a outras autoridades públicas.»

 A UE sitúase, polo tanto, voluntariamente ao servizo dos mercados financeiros xa que, en tempos normais, os gobernos dos países da Eurozona dependen totalmente do sector privado para o seu financiamento.

 Os investidores institucionais (bancos, fondos de pensións, aseguradoras) e os hedge funds precipitáronse sobre Grecia en 2010, que era o elo máis débil da cadea europea de endebedamento, antes de atacar Irlanda, Portugal, o Estado español e Italia. Actuando dese xeito, eses investidores realizaron grandes beneficios xa que obtiveron deses países unha remuneración importante polos tipos de xuros que esixiron aos poderes públicos para refinanciaren as súas débedas. Entre estes investidores institucionais (os zinzins), están os bancos privados que conseguiron máximos beneficios ao poderen financiarse directamente por medio do BCE, obtendo empréstitos ao 1% de xuros |10|, mentres estes mesmos bancos prestan a Grecia, a tres meses, cun tipo de xuros do 4 ou  %. Ao lanzaren os seus ataques sobre os elos máis débiles, os bancos e outros zinzins estaban tamén convencidos de que o BCE e a Comisión Europea deberían, dun ou outro xeito, ir en axuda dos Estados vítimas da especulación, prestándolles os capitais que lles permitise proseguir cos reembolsos. E non erraron. En colaboración co FMI, a Comisión Europea cedeu e outorgou empréstitos, por medio dos fondos europeos de estabilidade financeira (FEEF) e do mecanismo europeo de estabilidade (MEDE), a algúns Estados membros da Eurozona (Grecia |11|, Irlanda, Portugal e Chipre) para que poidan prioritariamente pagar as súas débedas aos bancos privados dos países máis fortes da UE. Por conseguinte, a UE non respectou a letra do artigo 125 do Tratado de Lisboa citado anteriormente. Pero si que respectou o espírito neoliberal dese Tratado: en efecto, o FEEF e o MEDE toman prestado dos mercados financeiros o diñeiro que á súa vez prestan aos Estados. Ademais, esixen unhas condicións draconianas para concederen eses empréstitos: privatizacións, reducións de salarios e de pensións, despedimentos nos servizos públicos, redución dos gastos públicos en xeral, e sociais en particular.

Políticas que fan máis fonda a crise

 Desde 2010, as políticas aplicadas pola CE e os gobernos nacionais só fixeron máis fonda a crise e isto é particularmente certo nos países máis débiles da Eurozona. Ao comprimirse a demanda pública e a demanda privada, os recursos do crecemento económico reducíronse, na práctica, á nada.

A política dos dirixentes europeos non é un fracaso desde o punto de vista dos patróns

 Os dirixentes europeos dos países máis fortes e a patronal das grandes empresas parabenízanse pola existencia dunha zona económica, comercial e política común onde as transnacionais europeas e as economías do Centro da zona euro tiran proveito da desfeita da Periferia para reforzar a ratio de rendibilidade das empresas, e obter logros, en termos de competitividade, en relación aos seus competidores estadounidenses e chineses. O seu obxectivo, no estadio actual da crise, non é o de relanzar o crecemento e reducir as asimetrías entre as economías fortes e débiles da UE. Doutra banda consideran que a desfeitado Sur se traducirá en oportunidades para privatizacións masivas de empresas e de bens públicos a prezo de saldo. A intervención da Troika e a complicidade activa dos gobernos da Periferia axúdanos. O gran Capital dos países periféricos é favorábel a estas políticas xa que conta con obter unha parte do pastel que cobizaba desde hai anos. As privatizacións de Grecia e de Portugal prefiguran o que lle chegará a o Estado español e Italia, onde os bens públicos que se poderían adquirir son moito máis importantes, visto o tamaño desas economías.

 Considerar que a política dos dirixentes europeos é un fracaso porque o crecemento económico non volveu, é un gran erro no criterio de análise utilizada. Efectivamente, os obxectivos perseguidos pola dirección do BCE, pola Comisión Europea, polos gobernos das economías máis fortes da UE, polas direccións dos bancos e doutras grandes empresas privadas, non é nin a volta rápida ao crecemento nin a redución das asimetrías no seo da Eurozona e da UE, que conseguiría un conxunto máis coherente, onde sería posíbel o retorno da prosperidade.

 Sobre todo non se debe esquecer un factor fundamental: a capacidade dos gobernantes, que se puxeron docilmente ao servizo dos intereses das grandes empresas privadas, para actuaren de acordo co que estas queren ou para xestionar unha situación de crise. O estreito lazo entre os gobernos e o gran Capital xa nin sequera se disimula. Á cabeza de varios gobernos, situados en postos ministeriais importantes e na presidencia do BCE, vemos homes provenientes directamente das grandes finanzas, comezando polo banco de negocios Goldman Sachs. Algúns políticos de primeira fileira son recompensados por un posto nun gran banco ou nunha gran empresa unha vez que cumpriron cos seus bos oficios para co gran Capital. Non é novo pero é máis evidente e habitual que no transcurso dos últimos 50 anos. Pódese falar de verdadeiros e transparentes vasos comunicantes.

Os efectos sociais da crise

 O que están vivindo actualmente os traballadores e as persoas que reciben axudas dos servizos sociais en Grecia, Portugal, Irlanda e o Estado español foi imposto aos traballadores dos países en desenvolvemento durante a crise da débeda dos anos 1980-1990. No transcurso da década dos 80, a ofensiva tamén afectara aos traballadores de América do Norte a partir da presidencia de Ronald Reagan, de Gran Bretaña baixo a férula de Margaret Thatcher ‘a Dama de ferro’, e os dos seus émulos do vello continente. Os traballadores do ex bloque do Leste tamén estiveron sometidos durante os anos 90 ás brutais políticas impostas polos seus gobernos e o FMI. A seguir, e certamente dun xeito moito menos brutal que a que afectou aos pobos do Terceiro Mundo (desde os máis pobres até as chamadas economías emerxentes), a ofensiva tomou como obxectivo os traballadores de Alemaña a partir de 2003-2005. Os nefastos efectos para unha significativa parte da poboación alemá séntense até agora, aínda que o éxito das exportacións alemás |12| limite a cantidade de desempregados e que unha parte desa clase obreira non sufra directamente as consecuencias. A partir dos anos 2010, os ataques sociais estendéronse a toda o resto de Europa.

Unha Europa dos pobos e da solidariedade internacional

 Unicamente mediante poderosas mobilizacións populares se poderá acabar coa estratexia das clases dominantes. É imprescindíbel que os movementos populares constrúan unha estratexia continental. En todas as partes, o pagamento da débeda pública é o pretexto invocado polos gobernantes para xustificaren políticas que atacan os dereitos económicos e sociais dunha esmagadora maioría da poboación. Se os movementos sociais e, entre eles, os sindicatos queren afrontar vitoriosamente esta devastadora ofensiva, cómpre atacar a cuestión da débeda pública de forma radical co fin de lle tirar ao poder o seu argumento principal. A anulación da parte ilexítima da débeda pública, o abandono das políticas de austeridade, a imposición masiva ao gran capital, a expropiación dos bancos para integralos nun servizo público do aforro e do crédito, a redución do tempo de traballo, a fin das privatizacións e o reforzo dos servizos públicos son medidas esenciais dun programa alternativo á xestión capitalista da crise. |13|

 A súa implantación pode comezar paulatinamente, país a país, pero o proceso non se poderá deter nas fronteiras nacionais. Necesitarase unha auténtica constituínte dos pobos de Europa co fin de abrogar unha serie de tratados europeos e facer nacer unha federación onde a garantía dos dereitos humanos en todas as súas dimensións será o principal obxectivo. Simultaneamente, será necesario practicar unha política de ruptura co modelo produtivista consumista co obxectivo de respectar a natureza e os seus límites. Xurdirá, no curso deste proceso, unha Europa dos pobos que debe recomezar de cero as súas relacións co resto do mundo, restituíndo ás poboacións doutros continentes, vítimas de séculos de espolio e de dominación europea, o que se lles debe.

________________________________________________________________________

Notas

|1| Este texto tirouse da conferencia pronunciada por Eric Toussaint o 31 de outubro de 2013 na Facultade de Etnoloxía da Universidade de Port au Prince (Haití) sobre o tema da crise do euro. O autor agradece a Michel Charles as notas tomadas, que alentaron a redacción deste texto.

|2| A zona euro foi creada en 1999 por once Estados: Alemaña, Austria, Bélxica, o Estado español, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos e Portugal. Máis tarde incorporáronse Grecia en 2001, Eslovenia en 2007, Chipre e Malta en 2008, Eslovaquia en 2009, Estonia en 2011 e Letonia farao o 1 de xaneiro de 2014.

|3| http://fr.wikipedia.org/wiki/D%C3%A...

|4| Véxase http://epp.eurostat.ec.europa.eu/st... con datos até 2013.

Ver tamén: http://www.inegalites.fr/spip.php?a..., que contén datos que infelizmente só chegan a 2011.

|5| Ver http://epp.eurostat.ec.europa.eu/tg...

|6| Véxase Eric Toussaint, «Le couperet sur les acquis sociaux: l’exemple allemand»,http://cadtm.org/IMG/pdf/06.pdf

|7| Artigo 125 do Tratado de Lisboa (2009): «A Unión non asumirá nin responderá dos compromisos dos Gobernos centrais, autoridades rexionais ou locais ou outras autoridades públicas, organismos de Dereito público ou empresas públicas dos Estados membros, sen prexuízo das garantías financeiras mutuas para a realización conxunta de proxectos específicos. Os Estados membros non asumirán nin responderán dos compromisos dos Gobernos centrais, autoridades rexionais ou locais ou outras autoridades públicas, organismos de Dereito público ou empresas públicas doutro Estado membro, sen prexuízo das garantías financeiras mutuas para a realización conxunta de proxectos específicos.».

|8| Trátase do Tratado constituínte da Comunidade Europea.

|9| Artigo 123 do Tratado sobre o funcionamento da Unión Europea.

|10| Desde maio de 2013, o tipo de xuros ao que o BCE presta aos bancos reduciuse ao 0,5 .Despois, o 7 de novembro de 2013, Mari Draghi anunciou a caída do tipo de xuros dos empréstitos do BCE ao 0,25 %. Hai que engadir que o BCE suavizou as súas esixencias de calidade (cualificación) dos títulos achegados polos bancos como garantía para obter liquidez. En efecto, o limiar mínimo de cualificación dos títulos admitidos polo BCE está suprimido «até nova orde!»

|11| No caso de Grecia hai ademais emprestitos bilaterais outorgados por países da eurozona.

|12| Alemaña tivo un crecemento económico debido ás súas exportacións mentres que a maioría dos seus socios da UE e, en particular, da Eurozona sofren duramente a crise. Visto que en toda a UE se asiste un descenso da demanda das familias descrita antes, á que se engade unha redución da demanda pública, as saídas para as exportacións alemás redúcense claramente. O efecto bumerán sobre a economía alemá xa se está producindo.

|13| Para ter un desenvolvemento destas propostas véxase: «Setenta personalidades de distintos países europeos asinan un manifesto para desobedecer tratados europeos “inxustos”»: http://www.cadtm.org/Setenta-personalidades-de

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web do CADTM, do 10 de novembro de 2017]

Volver