Continúan en Lugo e Ourense as asembleas preparatorias do Primeiro de Maio

En Lugo, a central sindical realizou unha concentración para denunciar o colapso dos xulgados do social

A Coruña -

A CIG continúa coas asembleas e mobilizacións previas á conmemoración o próximo domingo do Día Internacional da Clase Traballadora, que este ano a central desenvolve baixo o lema “Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!”. Este martes, tocou a quenda á Unión Comarcal de Ourense e á Unión Comarcal de Lugo-A Mariña, que ademais da asemblea de delegados/as realizou tamén unha concentración para denunciar o colapso dos xulgados do social na provincia.

Dáse así continuidade ás asemblea celebrada a pasada semana pola Unión Comarcal de Ferrol, á da Unión Local da CIG de Cee (localidade onde por primeira vez a CIG convocada concentración do gallo do 1º de Maio) ou á celebrada onte mesmo na Unión Local da Mariña, con concentración posterior nos xulgados de Viveiro.

Hoxe, en Lugo, despois da asemblea, as delegadas e delegados trasladáronse até os xulgados da cidade para protestar contra o colapso no que están inmersos a día de hoxe os xulgados do Social e reivindicar máis medios para os mesmos, pois, denuncian, son os que teñen os tempos de espera máis longos de todo o país.

Por mor este desbordamento, sinalou o Secretario Comarcal, Antonio Niño, estanse a citar os xuízos por despedimentos a 5 meses e no caso de reclamación de cantidades ou outros dereitos a espera é até de 2 anos.  “A media de entrada de asuntos nos Xulgados de Lugo é moi superior á estipulada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, 1.176 casos de media en fronte aos 850 que marca o CXPX”, apuntan.

“Entendemos que esta situación é insostíbel e deixa aos traballadores e traballadoras absolutamente indefensos ante as prácticas irregulares por parte das empresas”. Fronte a isto, dende a CIG de Lugo indicaron que van levar adiante unha campaña “para esixir que se acometan as medidas oportunas para resolver esta situación; medidas que pasarían pola creación dun novo Xulgado do Social na provincia, ou ben pola creación de equipos de reforzo para os xulgados actuais”.

En Ourense, a CIG celebrou asemblea de delegados e delegadas na que se analizou a situación económica e laboral da comarca, as consecuencias das regresivas reformas aprobadas polos gobernos de PSOE e PP e o recorte de dereitos e liberdades. Tamén se avaliaron as políticas antisociais da UE e o seu carácter proimperialista.

Manifestacións

- Vigo: 12:00 h do Cruce da Doblada.

- A Coruña: 12:00 h, Praza de Vigo.

- Pontevedra: 12:00 h, Praza da Ferrería.

- Ferrol: 12:00 h, Avda de Esteiro.

- Santiago: 12:30 h da Praza Roxa.

- Lugo: 12:00 h da Ronda da Muralla.

- Ourense: 12:00 h do Pavillón dos Remedios.

- Ribeira: 12:00 h da Praza do Peixe.

- Foz: 12:30 h diante de Facenda.

- Vilagarcía: 12:00 h da Casa do Mar.

- A Estrada: 12:00 h da Praza do mercado.

- Cee: 12:30 h Praza do Concello.

- Cangas: 17:00 h desde o Concello.

Volver