O cadro de persoal do Eurostars Gran Hotel La Toja , establecemento hoteleiro do grupo Hotusa situado na illa da Toxa, no Grove, volveu mobilizarse onte diante das instalacións para rexeitar intención da empresa de externalizar o servizo de limpeza, decisión que afectaría a 9 dos 37 traballadores/as , que pasarían a formar parte da nova subcontrata.
Durante a concentración clamouse contra os plans da empresa e contra a precariedade laboral, nunha convocatoria partiu da representación da CIG (2 delegados/as) e de CCOO (1 delegado/a) no comité de empresa (a UGT conta con 2 representantes, pero non se opón á externalización). Os empregados/as amosaron deste xeito o seu rexeitamento á externalización da limpeza de habitacións, balneario, cociña e zonas comúns que a compañía executou o pasado 9 de maio.
A medida afecta a 9 das 37 persoas que integran o actual cadro de persoal (30 fixas descontinuas e 7 fixas), despois de que nos últimos anos o número de traballadores/as se fora reducindo drasticamente: en 2007 había 280, en 2011 168, en 2015 152 e en 2019 66.
A representación sindical denuncia que se trata dunha represalia por non ter aceptado o expediente de regulación de emprego de redución de xornada presentado pola empresa para o conxunto do persoal o pasado mes de marzo aducindo obras no establecemento e a situación de grave crise económica. “Nese momento non propuxo ningunha outra medida, pero dias despois comunica a decisión de externalizar o servizo de limpeza, o que consideramos actuar de mala fe e ocultar información”, censuran.
Reducir a representación sindical
Ademais, consideran que o obxectivo desta decisión empresarial é recortar a pluralidade na representatividade dos representantes legais dos traballadores/as, xa que tras a externalización o cadro de persoal vai ser inferior a 30 persoas, quedando como persoal da empresa a propia estrutura básica, polo que xa non se escollería comité de empresa, senón un/ha único/a representante como delegado/a de persoal.
Finalmente, lembran que en outubro de 2016 a empresa propúxolle a modificación contractual a todo o persoal fixo para convertelo en fixo descontinuo, “como medida menos gravosa que a extinción da relación laboral, tendo unha aceptación voluntaria por case todo o persoal”. Fixábase tamén unha garantía mínima de emprego de sete meses ao ano, coa posibilidade de incrementala a nove meses, medida que segue vixente na actualidade.