Continúa a recollida de sinaturas para levar o Parlamento a ILP contra a eucaliptización de Galiza

Este xoves 22 instalaranse novas mesas en Compostela e Arzúa
Nacional - 21 Feb 2018

As organizacións promotoras da ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”, entre elas a CIG, continúan coa intensa campaña de recollida de sinaturas de apoio entre a veciñanza dos distintos concellos do país. Este martes estiveron na Póboa, o xoves, día 22 de febreiro estarán en Compostela  e Arzúa, o día 15 de marzo en Noia; o 17 en Ribeira; o 25 en Melide e o 31 en Santa Comba. Tamén se están presentando mocións de apoio nos concellos do país.

Entre as razóns que levan a presentar esta Iniciativa Lexislativa Popular encóntranse, entre outras, que as políticas aplicadas desde entrada en vigor do Plano Forestal de Galiza (1992) non conseguiran compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais e en particular o bosque autóctono, así como que este Plano Forestal previa no horizonte de 40 anos que a presencia do eucalipto non superara as 245.000 hectáreas e segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN) de 2009 o eucalipto ocuparía unha extensión de 433,915 hectáreas, isto é case o duplo do previsto para 2032.

A maiores nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veuse sumar aos plantíos xa existentes, xunto cos que medran fora de ordenamento, isto é, asilvestrados e ventureiros, o que permite que a día de hoxe se poda estar a falar de que o eucalipto estaría a ocupar unha extensión próxima ás 600.000 hectáreas.

Explotación intensiva do monte

Este forte incremento vese favorecido pola aposta por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola plantación de especies de crecemento rápido que non deixan valor acrecentado na nosa terra, xunto coa aplicación dunha Política Agraria Común (PAC) que está contribuíndo a destrución das economías familiares en beneficio das multinacionais mediante a imposición de prezos ridículos o que provoca o abandono do rural e a conseguinte extensión do monocultivo destas especies sobre as terras agrarias abandonadas. Esta ocupación está tamén a atinxir aos espazos protexidos, contravindo a lexislación vixente.

Lumes forestais

Constátase, ao mesmo tempo, a escasa superficie ocupada polos montes de propiedade pública, cando a vocación destes espazos ten de ser a conservación dos valiosos hábitats naturais, chave para amortecer o cambio climático, que xa temos aquí, a conservación da natureza e a redución do impacto dos lumes forestais.

Este modelo forestal contribúe a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos a través do PLADIGA -plano de loita contra os incendios- que custa anualmente arredor de 150 millóns de euros.

Por iso esta ILP aposta por un modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, co recoñecemento dos montes veciñais en mao común como unha titularidade distinta da pública e da privada, así como a prohibición de repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados e pastos, con independencia da súa cualificación urbanística.