Continúa a folga no servizo de mantemento do CHUO

Para reclamarlle a Ferrovial que cumpra o convenio colectivo
Ourense - 08 Feb 2018

O persoal de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) continúa a secundar de xeito masivo a folga convocada para reclamarlle a Ferrovial, a empresa concesionaria do servizo, que cumpra o convenio colectivo. Os paros continúan este xoves 8, o venres 9 e o luns 12 de febreiro.

As mobilizacións que se desenvolven coincidindo coa folga son cada día máis numerosas, xa que o persoal do servizo de limpeza e un bo número de delegados/as da CIG-Industria participan nas protestas.

Ao igual que na primeira xornada, os folguistas percorreron en manifestación a distancia entre a vella entrada do CHUO e a porta do novo edificio, para rematar a carón das oficinas de Ferrovial, onde repartiron panfletos informativos.