Constitúese a mesa de negociación para o convenio galego das TIC

A CIG-TIC celebrou unha xuntanza nacional de delegados para abordar a situación do sector

Nacional -

Delegadas e delegados do sector TIC chegados de Vigo, A Coruña e Compostela, reuníronse o pasado mércores, día 17 de outubro, no edificio Cersia, para pór en común a situación, problemática e circunstancias do traballo diario, intercambiar opinións e facer un seguimento do labor desenvolvido até o de agora pola CIG-TIC. Na xuntanza informouse ademais da constitución da mesa de negociación dun futuro convenio galego das TIC, entre as organizacións sindicais e as organizacións empresariais correspondentes, no Consello Galego de Relacións Laborais.

Na xornada informouse aos representantes do persoal do camiño seguido até chegar á primeira reunión negociadora, celebrada este 12 de xuño, despois de catro anos de mobilizacións da CIG.

Enténdese, desde o sector TIC da central sindical, que este futuro convenio galego vai dar estabilidade e atallará varios problemas específicos que se producen nel: a existencia de varios convenios estatais que se están a aplicar (Convenio de Consultorías, Convenio de Enxeñerías, etc.) e que non cobren o espectro de empresas que existen; a desactualización do convenio máis empregado neste ámbito, o de Consultorías, que só sufriu unha pequena modificación este mesmo ano despois de, practicamente, 9 anos de negociacións para a súa renovación e que non reflexa procedementos habituais nas empresas do sector como as gardas, o teletraballo ou a formación continua; desactualización que conleva, ademais, que o texto sexa tan pouco claro que foron presentadas 2 mocións, polo de agora, de mediación explicativas do novo convenio de Consultorías polos mesmos sindicatos estatais que asinaron o texto.

Para a CIG un novo convenio que englobe ás distintas empresas do sector que teñen agora mesmo que adherirse a tres e catro convenios distintos e desactualizados, “axudará a clarificar e organizar a área das empresas TIC, así como mellorará as condicións da clase traballadora galega nun sector que se está a volver nun dos principais creadores de emprego na Galiza”.

Primeira forza sindical no sector

Tamén se notificou ás delegadas e delegados das TIC como, despois do traballo destes tres anos, a CIG consolidouse como primeira forza sindical do sector, partindo de ser a terceira forza até acadar a maioría da representación.

Un traballo realizado diariamente polos compañeiros e compañeiras da CIG nas empresas con representación e tamén en empresas nas que, sen contar coa representación formalmente elixida, se realiza traballo de base por afiliados e afiliadas involucradas na organización sindical.

Asemade expuxéronse campañas que se teñen previsto desenvolver este ano e o seguinte, como unha de denuncia contra as denominadas "cárnicas", que tentan acadar o beneficio empresarial mediante a continua precarización das condicións de traballo dos traballadores e traballadoras.

Finalmente, nunha rolda de intervencións, representantes de cada unha das empresas expresaron as súas problemáticas particulares, o traballo realizado até o de agora e a perspectiva de futuro, tanto inmediato como máis afastado no tempo, que se vai desenvolver co apoio da central sindical. Pechouse a xornada cunha mención ao CIGbyte que en breve sairá do prelo e que se está a converter no voceiro da CIG TIC.

Prevese que a seguinte xuntanza teña lugar dentro duns meses, para conseguir que as xornadas nacionais de delegados e delegadas TIC teñan unha periodicidade bianual, dado o dinamismo do sector.

Volver