Consolídase a folga indefinida na xustiza, que na terceira xornada chega ao 95% do seguimento

A representación sindical empraza a Feijoo e Rueda a unha reunión o luns
Nacional - 09 Feb 2018

A terceira xornada de folga indefinida na xustiza está a seguir a tónica dos días anteriores: seguimento do 95% do persoal, centos de xuízos e procesos suspendidos, traballadoras e traballadores reiterando as súas demandas nas diferentes accións de protestas e unha Xunta desaparecida, que só fai acto de presenza a través dos medios de comunicación para repetir coma un 'mantra' que presentou unha "oferta xenerosa" que o persoal tivo a 'ousadía' de rexeitar.

Nun xesto da responsabilidade da que até o de agora a Xunta non fixo gala, o comité de folga emprazou publicamente o presidente Feijoo e o conselleiro Rueda a manter unha reunión o próximo luns na sede da EGAP en Compostela para buscar unha posíbel solución. "Levamos tres meses de conflito sen que se produciran avances e despois de tres días de folga indefinida cun seguimento masivo, a Xunta segue sen responder. É unha actitude totalmente irresponsábel", denunciou o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez.

Roldas de prensa simultáneas

Para rebater as informacións coas que a Xunta "pretende confundir" a opinión pública e respondendo ao reto lanzado por Núñez Feijoo, este venres, representantes das traballadoras e traballadores de xustiza compareceron de maneira simultánea nas sete cidades galegas, co acompañamento de centos de empregadas e empregados en folga que non quixeron perder a ocasión de amosar o enorme descontento e o cabreo que teñen tanto co presidente do Goberno galego, como co Vicepresidente e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, ao que non dubidan en cualificar nas consignas que berran como "mentireiro maior".

Este enfado esténdese tamén ao Director Xeral de Función Pública, José Barreiro, cuxa aparición "fixo estoupar polos aires" a mesa de negociación. "Até que apareceu Función Pública, e coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, conseguírase avanzar algo en tres dos cinco puntos da plataforma reivindicativa", subliña o responsábel de CIG-Xustiza. Porén, engade, a incorporación de Barreiro ás reunións só serviu para enquistar o conflito e retirar da ecuación ao Consello Galego de RRLL. 

Sánchez afeou que a Xunta estea tentando centrar o conflito no tema salarial, "cando a plataforma reivindicativa contempla cinco puntos", que inclúen cuestións relativas ás condicións laborais e ao duro recorte de persoal aplicado dende o ano 2013 na administración de xustiza. En tres dos puntos existía un certo entendemento "que a estas alturas non sabemos se sigue vixente. Pero a Xunta só quere falar do tema salarial para vender que somos privilexiados/as e distorsionar as nosas demandas".  

Rebatendo os "datos de Feijoo"

De aí que nas roldas de prensa deste venres, ademais da valoración do masivo seguimento das tres primeiras xornadas da folga indefinida, se cuestionara con datos tanto a suba salarial ofrecida pola Xunta como a afirmación de que esta proposta situaría o persoal de Galiza nos primeiros postos na comparativa entre as retribucións por comunidades. "É moi difícil loitar contra a propaganda que a Xunta fai a través dos medios de comunicación, e hoxe o que queríamos deixar claro nestas comparecencias é que o que nos están a ofrecer deixaríanos, practicamente, como estamos agora", asevera Sánchez.

Neste senso, cómpre lembrar que as cantidades económicas que a Xunta de Galiza di ofrecer (900€, 744€ e 660€ anuais segundo o corpo a que se pertenza) só se chegarían a acadar de xeito gradual no ano 2021, no mellor dos casos, "condenándonos a estar permanentemente no furgón de cola das retribucións respecto do resto do persoal de Xustiza do estado".

As cantidades e o período de aplicación sería como segue:

2018:

2019: cantidades mensuais

2020: cantidades mensuais

2021: cantidades mensuais

 

0 €

-30€ corpo xestión

-24,8€ corpo tramitación

-22€ corpo auxilio

-22,5€ corpo xestión

-18,6€ corpo tramitación

-16,5€ corpo auxilio

-22,5€ corpo xestión

-18,6€ corpo tramitación

-16,5€ corpo auxilio

Para rebater os datos manexados pola Xunta sobre a comparativa das retribucións do persoal entre comunidades, a representación do persoal elaborou un cadro (que se pode consultar na imaxe do lado) no que se recollen por autonomías e corpos as cantidades correspondentes ao CAT (complemento autonómico transitorio).

En todos os casos, Galiza está por debaixo da media estatal e só se sitúa por enriba daquelas comunidades que non teñen as competencias transferidas. Aplicando a oferta salarial que propón a Xunta, no ano 2021 o persoal da administración de xustiza galega seguiría cobrado por debaixo da media. Ademais, o responsábel do sector na CIG lembra que, entre os anos 2013 e 2016, a Xunta recortou das nóminas do persoal miles de euros, nunha cantidade que vai como mínimo dos 3.400 euros até os 10.000 euros anuais, segundo o corpo.

Por iso, engadiu, a proposta de suba salarial que recolle a plataforma sindical vai no camiño de recuperar o poder adquisitivo roubado nestes últimos anos e rematar coa discriminación que sofren os traballadores e traballadoras da xustiza en Galiza.

Penalización por estar enfermo/a

Xunto a isto, a Consellaría negouse en todo momento a equiparar os descontos que se lles aplican por Incapacidade Temporal, ao réxime establecido tanto para o persoal de Xustiza doutras comunidades como para os corpos de maxistrados/as, fiscais e letrados/as. Deste xeito, os traballadores/as da xustiza en Galiza ven minorizados os seus salarios un 50% os primeiros catro días e un 25% até o vixésimo día, cando teñen unha baixa médica xustificada por enfermidade común.

Ante a falta de avances, o comité de folga está a preparar o calendario de mobilizacións da próxima semana que, aproveitando as datas do entroido, nalgúns casos contará coa actuación de comparsas e pases de disfraces.