Confirmada a farsa da propaganda da Consellaría na oferta de prazas nas oposicións docentes

Tras coñecerse a lista provisoria de persoas admitidas

Nacional -

A CIG-Ensino denunciou, cando se negociou na Mesa Sectorial a oferta de emprego deste ano, que a Consellaría inflaba descaradamente as cifras das prazas ofertadas. As listaxes provisorias de aspirantes admitidos e excluídos confirma a farsa da propaganda do PP ao pasar das 2.050 prazas anunciadas inicialmente a un máximo de 1.853.

2.050 prazas. Esa foi a cifra que ocupou os titulares de prensa e a sección de propaganda da web da Consellaría nos días posteriores á negociación na Mesa Sectorial da oferta para acceder aos diferentes corpos docentes en Galiza, sempre con carácter laudatorio e como unha especie de novo fito nas prazas ofertadas.

A CIG-Ensino presentou un estudo no que desmontaba esas cifras, alertando de que o número de prazas para o acceso desde o grupo A2 (corpos de mestres e de profesorado técnico de FP) ao corpo de PES estaba totalmente descompensada ao respecto da evolución da demanda destes últimos anos. Para o sindicato, esa decisión de inflar de xeito desproporcionado estas prazas só podía corresponder a unha estratexia da Consellaría para vender unha oferta de prazas maior da realizada.

Na CIG-Ensino apostan desde sempre pola promoción interna, un dos escasos mecanismos de promoción ao longo da vida profesional do persoal docente, mais estamos absolutamente en contra de que se xogue con esta vía para beneficio propagandístico da Consellaría e dos aliados habituais.

Unha vez coñecida a lista provisoria de persoas admitidas, os datos constatan a nosa denuncia previa, xa que só no caso de que todas as persoas matriculadas se presentasen e aprobasen, habería 197 prazas menos na oferta de emprego. Por tanto, o número máximo de prazas a día de hoxe redúcese de 2.050 a 1.853, como se pode ver na táboa seguinte:

Volver