Condolencias e solidariedade da CIG co ex presidente do Brasil Lula da Silva

Ante o pasamento da súa compañeira, Marisa Leticia Rocco
Nacional - 06 Feb 2017

A CIG quere expresar o pesar e a solidariedade coa familia do ex presidente do Brasil Luiz Inácio Lula da Silva pola perda da súa compañeira, Marisa Leticia Rocco Casa, o pasado 2 de febreiro.

A central sindical fai público este pesar, non só polo aprecio á figura do ex presidente, senón tamén pola complicada situación política que está a pasar o Brasil neste intre, logo dun golpe de estado institucional contra a Presidenta, Dilma Rousseff, lexitimamente elixida polo pobo, e a estratexia de acoso, persecución, descrédito e acusacións inxustas contra o propio Lula da Silva e o seu entorno máis próximo.

Ataques procedentes das elites internas e coa inxerencia externa de países con intereses económicos e xeoestratéxicos, diante do temor a que poida triunfar nas vindeiras eleccións presidenciais.

Dona Marisa xogou un papel importante na vida de Lula non só a nivel persoal, senón que tamén foi unha destacada activista que colaborou na fundación do Partido do Traballo. Por iso, con este comunicado, a CIG quere achegar un pequeno pulo de alento a Lula, para que non decaia na súa loita.

Agardamos que a solidariedade e o apoio que todas as organizacións de clase lle faremos chegar, contribúa a que non se renda na súa loita para devolver ao seu país á senda dun goberno que mostre o respecto polos dereitos humanos e as políticas sociais que beneficien ás clases populares e aos traballadores e traballadoras.

Galiza, 5 de febreiro de 2017