Condicións xustas e salarios dignos para as traballadoras do sector de coidados

Nacional - 03 Out 2025

As traballadoras do sector de coidados –residencias, centros de día e SAF– mobilizáronse e protagonizaron catro xornadas de folga no mes de setembro para denunciar a precariedade laboral e salarial que padecen. Exixen condicións xustas e salarios dignos.

As traballadoras das residencias privadas de maiores e centros de día levan meses mobilizándose. A elas sumáronse agora as traballadoras do SAF, a prol dunhas condicións salariais e laborais dignas e na defensa dun modelo de coidados “que antepoña o benestar das persoas ao lucro e egoísmo empresarial”. 

As afectadas reclaman o desbloqueo dos convenio colectivos

Con estas xornadas de folga e accións de protestas alén de desbloquear as negociacións dos convenios colectivos, caducados, o de SAF desde 2021 e o de Residencias Privadas de Maiores desde 2024, reclaman tamén a intervención da Consellaría de Política Social, así como dos concellos, como os maiores responsábeis destes sectores esenciais.

Protocolo no SAF

Denuncian a “falta de sensibilidade, humanidade e responsabilidade” das administracións, para negociar un protocolo ante situacións de violencia no sector de Axuda no Fogar e denuncian tamén que “despois da desgraza acontecida no concello do Porriño se deixase pasar o tempo para que se esqueza, sen tomar as medidas para que situacións como esta non se volvan repetir”.

Lembran o emprazamento da FEGAMP para negociar ese protocolo, pero lamentan a ausencia directa da Consellaría de Política Social. “Desde a CIG nin esquecemos, nin abandonamos o noso obxectivo, que non é outro que a protección e defensa das traballadoras”, advirten as traballadoras do sector.

Rexeitan a actitude do sector e máis da Consellaría, porque “non teñen interese ningún por activar estas negociacións”, como tamén a dos demais sindicatos por “mirar para outro lado”. A este respecto lembran que desde a CIG están presentadas as plataformas que consideran que “non foron de interese para as patronais ás que, grazas á complicidade da Consellaría, non lles parece interesar a resolución destes conflitos, xa que non fan nada para tentar resolvelos, cando lles afectan directamente polo carácter público e esencial que teñen, facéndolles o xogo as empresas para que sigan enchendo os petos”.

Por iso o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, considerou “indecente” que o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, botase “balóns fóra” na sesión de control do Parlamento de Galiza celebrada a semana pasada.

Alján cualificou de “vergoñento” que Rueda eludira a súa responsabilidade afirmando que se trata dun servizo municipalizado e que depende de empresas privadas. Afeoulle ademais que intentara apropiarse da xuntanza celebrada coa FEGAMP. “Din que foi iniciativa súa, máis de dous meses despois do asasinato da compañeira no Porriño, cando foi iniciativa da FEGAMP a instancias da CIG”, explicou o secretario nacional.

“É totalmente indecente ter este goberno, é totalmente indecente ter este partido á fronte da Xunta de Galiza e é totalmente indecente ter un Presidente que non se preocupa, absolutamente nada, dun servizo público esencial como é o das residencias e dos SAF”, afirmou.

Salario como no sector público

Entre outras cuestións demandan que no sector privado se apliquen as mesmas condicións de traballo e salario que no sector público, “que se abandone este modelo rancio, usureiro e de amiguismos para sacarlles o diñeiro ás persoas maiores e dependentes, co único fin de enriquecerse a custa das persoas usuarias e das traballadoras”.

Nese sentido apostan por un modelo público de coidados que garanta unha “prestación de servizos de calidade para que as persoas usuarias poidan ter unha vida digna, tanto no seu domicilio como nun centro asistencial ou residencial, pero mentres isto non aconteza as traballadoras deben ter unhas condicións xustas e un salario digno”.