Condenan o dono da franquía de McDonald´s en Ourense por dous delitos de ameazas e lesións a dúas empregadas

A CIG trasladaralle a sentenza á Fiscalía e á matriz da empresa para que lle retire a titularidade

Vigo -

Esteban Cuesta Martín, propietario da franquía de McDonald´s en Ourense, foi condenado polo Xulgado de Instrución número 1 de Ourense por un delito leve de ameazas e outro lesións a dúas traballadoras do establecemento que rexenta no Fonsillón. Os feitos polos que agora é condenado aconteceron o pasado mes de abril durante o proceso de eleccións sindicais que se levou a cabo na empresa, no que foron elixidos dous representantes da CIG e unha terceira persoa promovida e amparada polo propio empresario.

Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, Esteban Cuesta empregouse a fondo en impedir por todos os medios que a central obtivera representación sindical da empresa, e utilizou todo tipo de métodos para tal fin: “amezas, coaccións, presións e mesmo actitudes de agresividade física, de maneira moi especial con mulleres”.

Dúas delas denunciaron ante a Policía os feitos, o que derivou nu xuízo e posterior condena. “É de salientar que son varias as persoas que na actualidade están de baixa médica por fortes síntomas de ansiedade como consecuencia desta presión”, lembran dende a CIG.

Denuncia na Fiscalía

Esta conduta foi denunciada ante a Fiscalía da Audiencia Provincial o pasado 1 de xuño por seren presuntamente constitutiva de ilícitos penais, tipificados no Código Penal con penas de prisión, como os delitos de lesións, contra a integridade moral e contra a liberdade sindical.

“Dende a CIG farémoslle chegar esta sentenza á Fiscalía a fin de que a teña en conta como proba documental; tamén nos dirixiremos á matriz de McDonald´s España en Madrid para reclamarlle medidas cautelares contra o seu franquiciado e pedirémoslle a retirada da titularidade de dita franquía para alguén tan insoportabelmente déspota, machista e anti demócrata como é o individuo Esteban Jesús Cuesta Martín”, rematan.

Volver