Condenan o Concello de Ourense a conceder ou indemnizar os días de libre disposición dos bombeiros/as

O Xulgado recoñécelles o dereito a gozar de seis días libres por asuntos propios ao ano
Vigo - 21 Xul 2016
O Xulgado do contencioso administrativo número 1 de Ourense vén de condenar ao Concello de Ourense a conceder ou indemnizar os días de libre disposición dos bombeiros/as, que eran denegados pola Administración local alegando “necesidades do servizo”. A sentenza recoñécelles o dereito a gozar de seis días libres de permiso por asuntos propios ao ano.

Segundo explican dende o sector de Local da CIG-Administración, os bombeiros/as recorrentes alegaron na súa demanda que as resolucións impugnadas foron ditadas por un órgano incompetente, así como que a denegación dos permisos por “necesidades do servizo” carecía de xustificación, por canto o Concello utilizaba os días de libre disposición para cubrir a infradotación de persoal existente nos reténs de bombeiros/as.

Deste xeito, a sentenza anula as devanditas resolucións do Concello de Ourense por ter sido dictadas por un órgano incompetente e declara o dereito dos recorrentes a gozar de seis días de permiso por asuntos propios ao ano.

Ao mesmo tempo, condena a Administración local a concederlles, no prazo máximo de dous meses, os días de permiso por asuntos propios que lles foron denegados en 2015 por necesidades de servizo; ou subsidiariamente a indemnizalos/as pola súa perda coa cantidade equivalente á parte proporcional das retribucións correspondentes a un día laborábel por cada día de permiso perdido.

Diante disto, dende a CIG-Administración valoran positivamente unha sentenza que “reforza os dereitos dos traballadores/as nos Concellos desta provincia que, infelizmente, se ven anulados con decisións arbitrarias carentes de toda lexitimidade e baseadas no mero exercicio dun poder que non lles corresponde”.