Condenan ao SERGAS a indemnizar a un traballador por denegarlle o dereito a gozar do permiso de paternidade completo

Terá que pagarlle 3.000 euros por dano moral, os 12 días de salario da prórroga non concedida e as cotizacións á Seguridade Social
Compostela - 27 Xun 2016

O SERGAS vén de ser condenado a pagar unha indemnización de 3.000 € por dano moral a un traballador ao que non renovou o contrato para impedir que gozara do permiso de paternidade completo. Xunto a isto, terá que pagar tamén os 12 días de salario da prórroga non concedida e as cotizacións á SS dese período. O xulgado avala deste xeito, as denuncias da CIG-Saúde por denegarse de forma sistemática o dereito a gozar dos permisos regulamentados ao persoal eventual.

O SERGAS está a cubrir prazas vacantes, que son estruturais, con contratos de acúmulo de tarefas, cada seis meses. Contratos que renova mes a mes, “incrementando así a fragmentación da contratación”, denuncia a CIG-Saúde. Un método ao que recorre por mor da taxa de reposición que a propia administración impuxo para a sanidade pública.

Xunto a isto, o SERGAS está limitando o dereito a gozar de permisos regulados por lei ao persoal eventual, negándose sistematicamente a negociar unha regulación de permisos na Mesa Sectorial. A CIG-Saúde lembra que a única regulación que recoñece o SERGAS é a negociada na mesa sectorial no 2001, sen que houbera polo medio ningunha actualización.

A consecuencia disto, e cunha evidente mala praxe, o SERGAS para que un traballador eventual contratado baixo a modalidade de acúmulo de tarefas, non puidera seguir gozando do dereito o permiso de paternidade, denegou a renovación dese contrato. Unha vulneración de dereitos fundamentais que foi denunciada diante do xulgado polo traballador a través da asesoría da CIG.

No decurso do xuízo quedou demostrado que efectivamente houbo vulneración de dereitos fundamentais e que a non renovación do contrato tiña como obxectivo evitar que o traballador puidera gozar do permiso de paternidade polo tempo que lle tería correspondido.

Diante disto, o xulgado emitiu sentenza condenando ao SERGAS a indemnizar ao traballador por dano moral cunha compensación económica de 3.000 euros máis a cantidade correspondente aos 12 días de salario da prórroga non concedida e a cotización á Seguridade Social correspondentes a ese período.