Condenan a Xunta a pagar a subvención aos comités de empresa do persoal laboral de Política Social

Desde 2013 Facenda négase a abonar a subvención de 540 € por gastos de actuación

Nacional -

O Comité de Empresa de Política Social da Coruña -anteriormente de Traballo e Benestar- vén de recibir o fallo do Xulgado do Social nº 2 de Santiago de Compostela polo que se condena a Dirección Xeral de Presupostos da Consellaría de Facenda a abonar a cantidade de 540 euros, como resultado da demanda por impago da subvención correspondente ao ano 2013.

Os comités de empresa teñen establecido por Convenio o pago dunha subvención anual para gastos de funcionamento e desprazamentos , pero a Consellaría de Facenda deixou de ingresar esta axuda no ano 2013 e, desde aquela, non cumpre co estipulado nas disposicións legais.

Segundo denuncian os comités, “sen dar explicacións e dun xeito escuro e torticeiro o departamento que dirixe Valeriano Martínez Garcia, adebedaba esta subvención aos comités de empresa sen coñecerse a que responde este impago ou a que outros menesteres se dedican estas cantidades que aparecen orzamentadas anualmente pero que desde o ano 2013 non se efectivizan”.

Débeda de máis de 20.000 euros aos comités da Xunta

Os comités apuntan que Valeriano Martínez  se converte, así, “nun condenado por impago ao  incumprir co disposto no Convenio do Persoal Laboral da Xunta”, polo que tería que ter ingresado 540 euros a cada Comité da Xunta de Galicia desde o ano 2013 para os gastos de funcionamento dos mesmos, tal e como contempla a lexislación vixente. 

A débeda vaise incrementado cada ano que non se fai o correspondente pago, polo que neste ano 2017, e tendo en conta que este ingreso non se efectivizou á maioria dos Comites da Xunta, a Consellería de Facenda debe máis de 20.000 euros ao total dos comités de empresa da Xunta de Galizaa. No caso do Comité de Política Social da Coruña, a morosidade do conselleiro Valeriano ascende a 2.700 euros, dos que xa por orden xudicial -e sen opción a recurso-, deben ser abonados de inmediato os 540 euros correspondentes ao ano 2013.

O Comité de Política Social denuncia a “mala fé” da Consellería de Facenda por lles obrigaren a recorrer á vía xudicial “co dispendio que isto supón, co alto custo da celebración dun xuízo que tería que ser innecesario para abonar unha subvención recollida legalmente no Convenio e sen ningunha xustificación para o seu impago. A non ser un tipo de práctica antisindical coa que pretende obstaculizar e impedir as función sindicais en defensa dos dereitos dos traballadores”.

Volver