Conclúe a "reunión permanente" tras efectivizar Segur Ibérica o pago dos salarios pendentes

A representación social permanecía na delegación da empresa dende o pasado xoves
A Coruña - 22 Nov 2016

Segur Ibérica comezou hoxe a ingresar os salarios ao persoal que aínda tiña pendente de recibir a nómina do mes de outubro, e agárdase que este mércores se efectivicen todos os cobros. Por este motivo, os membros do Comité e das centrais sindicais abandonaron esta tarde a “reunión permanente” que mantiñan na delegación da empresa dende o pasado xoves.

A decisión chegou tras a comunicación do responsábel territorial da empresa de que se procedera ao ingreso dos salarios pendentes e logo da confirmación por parte de varios dos traballadores afectados de que lle fora ingresada a nómina.

Dende a CIG-Servizos agradecen a loita e firmeza dos traballadores/as na demanda dos seus dereitos e adiantan que "ningunha agresión da empresa quedará sen resposta". Polo que, de non producirse o abono efectivo da totalidade dos soldos adoptaranse novas accións.