Concentrix confirma a perda doutro servizo na Coruña, o que pon en risco até 160 empregos

O comité de empresa ten convocada folga e unha protesta este mércores día 15 na Delegación do Goberno ás 11:30 horas
A Coruña - 14 Xul 2026

A dirección de Concetrix vén de comunicar a perda doutro servizo na Coruña, polo que os postos de traballo en risco elévanse até os 160 tras os 80 despidos mediante o ERE anunciado anteriormente. Diante disto, o comité de empresa optou por iniciar un calendario de mobilizacións que comezou o luns cunha concentración diante das instalacións da compañía, mentres que para este mércores día 15 hai convocada unha xornada de folga e unha protesta ás portas da Delegación do Goberno ás 11:30 horas.

Dende a CIG denuncian que a destrución de emprego fai parte da campaña que a transnacional Microsoft, para que Concentrix presta servizo de atención ao cliente, está levar a cabo para pechar a reducir e deslocalizar diversos servizos e carga de traballo a terceiros países como Exipto ou a India. “Un procese en liña coa redución de postos de traballo de Microsoft a nivel global, polo que o servizo restante, que emprega ás 220 persoas que quedarán no centro de traballo coruñés, tamén está en risco”.

Diante disto, reclámanlle á dirección que aposte polo centro de traballo da Coruña e derive carga de traballo dos outros centros que ten no Estado para garantir o emprego no noso país. “Por iso pedimos a participación solidaria nas mobilizacións de todas as compañeiras e compañeiros, así como da veciñanza en xeral, porque defender o emprego en Concentrix é tamén defender a permanencia de actividade produtiva na cidade, a calidade dos servizos de atención ao usuario e o dereito das persoas traballadoras a non seren tratadas como unha simple variable de axuste”.

Dende a representación sindical (6 delegados/as da CIG, 3 da CGT, 2 de CCOO e 2 da UGT) explican que Concentrix é unha transnacional que no Estado español dá emprego a máis de 5000 persoas, atendendo o servizo de máis de 80 grandes empresas de sectores tan diversos como tecnolóxicas, financeiras, téxtil e automoción, entre outras, “tendo capacidade máis que suficiente para asumir e repartir as cargas de traballo e evitar a destrución de emprego”.

Ao tempo que denuncian que este ERE non é un feito illado nin unha decisión inevitábel, xa que forma parte dunha dinámica global de redución de persoal por parte de Microsoft e por tanto das compañías que lle prestan servizo, cun impacto directo tanto sobre o emprego como sobre a calidade da atención ás persoas usuarias, xa que Microsoft está derivando á autoxestión e a IA a resolución de incidencias, o que supón unha perda de calidade no servizo.

Sen alternativas aos despidos

Ao mesmo tempo, consideran que a dirección non está a actuar coa boa fe esixíbel nun procedemento destas características: limita o crédito horario da representación social, demora a entrega de documentación esencial, non acredita esforzos reais de recolocación e non achega alternativas serias para evitar os despedimentos.

Ademais, durante a reunión do 6 de xullo, a propia empresa recoñeceu que no centro da Coruña non existen vacantes abertas nin previsión de novas incorporacións, mentres se fala de oportunidades noutros centros e campañas sen unha proposta real e concreta de recolocación para o persoal afectado.

En consecuencia, esixen a retirada inmediata do ERE, a apertura dunha negociación real e a presentación dun plan de viabilidade que analice todas as alternativas posíbeis: recolocacións no grupo, teletraballo en campañas doutros centros e redistribución de cargas de traballo que garanta o mantemento da actividade na Coruña.