Concentración no SMAC de Lugo para esixir a readmisión de dous traballadores da ambulancia do 061 de Sarria

A FGAMT-CIG denuncia que se trata de despedimentos inxustificados e que constitúen unha represalia
Lugo - 15 Out 2019

Coincidindo co acto de conciliación, a CIG realizou unha concentración esta mañá no SMAC de Lugo para esixir a readmisión dos dous traballadores inxustamente despedidos pola empresa Luis Iglesias Carreira SL, que ten adxudicado o servizo de transporte sanitario urxente na zona de Sarria. Na conciliación obrigatoria, a empresa negouse a reincorporar ao persoal, limitándose a ofrecer cartos, polo que o proceso continuará agora pola vía xudicial "xa que estamos ante unha represalia que non se pode consentir e o que queremos é que se readmita a estes compañeiros despedidos".

A empresa Luis Iglesias Carreira SL, actualmente en mans dos propietarios de Ambulancias Rubiero-Xirón SL, despediu a dous traballadores alegando motivos disciplinarios. Porén, subliña o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, "os feitos imputados ao persoal non son certos e, na realidade, os despedimentos teñen a súa orixe na recente celebración de eleccións sindicais no centro de traballo de Sarria, e constitúen unha represalia a este persoal por manter unha demanda xudicial por incumprimentos no convenio de ambulancias de Galiza".

Proceso de suborgación do persoal

A central rexeita esta actuación empresarial por entender que se trata dun claro atentado aos dereitos laborais e sindicais do persoal desta base de ambulancias e solicita a readmisión dos traballadores, máxime cando estamos ante o inminente procedemento de subrogación do persoal do transporte sanitario urxente, logo da concesión dos novos contratos da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galiza 061.

Proceso que está sendo precedido de excepcionalidades na provincia de Lugo "que apuntan claramente á intencionalidade de novos incumprimentos polas empresas entrantes sobre o actual convenio de ambulancias, entre as cales se atopa a que vén de protagonizar os despedimentos de Sarria".

Este acto de solidariedade cos compañeiros despedidos da ambulancia do 061 de Sarria non será o único, "pois dende a CIG daráselle o oportuno seguimento e resposta á evolución deste conflito".