Concentración no restaurante Gasthof de Catro Camiños contra os despedimentos e a represión sindical

A empresa despediu ao delegado da Sección Sindical da CIG
A Coruña - 05 Abr 2018

A CIG desenvolveu este xoves unha concentración diante do restaurante que o Grupo Gasthof ten no Centro Comercial Catro Camiños da Coruña en rexeitamento ao despedimento dunha traballadora e dun traballador, sendo ademais este último delegado da Sección Sindical da CIG. Aínda que os despedimentos se produciron no restaurante que está no CC Área Central en Santiago, a Federación de Servizos acordou desenvolver a protesta na Coruña, xa que é nesta cidade onde a empresa naceu e ten a súa sede.

Para a CIG-Servizos este despedimento é unha clara represalia contra o traballador e a traballadora pola súa actividade reivindicativa na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras e reviste un carácter exemplarizante para o resto do persoal -o grupo conta na provincia con arredor de 120 empregados e empregadas-.

Neste senso hai que lembrar que nas eleccións celebradas hai dous anos, a empresa “perdeu o control do comité” e a partir de aí “comezouse a realizar actividade sindical real”, presentando denuncias na Inspección polos excesos de xornada, horas extras que non se cobraban, vacacións non gozadas, etc. A raíz destas denuncias, a Inspección sancionou a empresa e "tiveron que comezar a respectar os dereitos laborais do persoal, algo que non lles gustou nada".

Denuncias na Inspección de Traballo

Os problemas para o delegado da Sección Sindical da CIG comezaron xusto despois da primeira denuncia ante a autoridade laboral, pois até entón nunca tivera incidentes coa dirección nos dez anos que leva traballando en Gasthof. Pero dende ese momento, a persecución foi tal que a empresa mesmo contratou  detectives privados para sometelo a un estrito control durante as horas sindicais ás que ten dereito, tentando desa maneira desprestixiar o seu labor e ao tempo tomar represalias contra del por este mesmo motivo.

"O que pasa na realidade é que, por primeira vez, se está facendo traballo sindical en Gasthof que implican cambios, como que xa non se fagan excesos de xornada ou se poidan coller as vacacións, que non son do agrado da empresa", explican dende CIG-Servizos.

Para a Federación fica claro que a decisión de rescindirlle o contrato ao delegado da Sección Sindical e á traballadora (militante da CIG e que amosou o seu desacordo coa decisión empresarial) é unha represalia contra aquelas persoas e organizacións que se enfrontan á empresa e un intento de amedrentar o persoal para que non reclame os seus dereitos laborais e salariais.

Así as cousas, dende a CIG-Servizos xa adiantaron que esta concentración supón o inicio dunha campaña de mobilizacións "que se manterá até que a empresa recúe na súa decisión e readmita ao traballador e á traballadora despedida".