Concentración en María Pita contra o despedimento dun delegado sindical da CIG no Concello da Coruña

A Coruña - 21 Xul 2023

Ao berro de "a única solución, a readmisión", a CIG realizou este venres unha concentración diante na Praza de María Pita en rexeitamento ao despedimento dun traballador municipal que no momento de ser despedido era delegado sindical da CIG na sección sindical do Concello da Coruña.

"O Goberno municipal optou  no ano  2022 por comunicarlle a  extinción  do contrato de traballo de maneira unilateral no lugar de cambialo de  posto de traballo a outro máis adecuado, incumprindo o que estabelece o convenio colectivo do persoal laboral do Concello da Coruña, tras serlle recoñecida unha incapacidade polo INSS por mor dos problemas de saúde que padece", explica a sección sindical.

Despois de manter varias reunións infrutuosas co Concello  e ante a inacción do Goberno municipal para a súa recolocación, a extinción do contrato foi recorrida no xulgado e aínda non é firme,  polo que o traballador concorreu como candidato pola CIG nas eleccións sindicais de persoal laboral do pasado 31 de maio.