Concentración da Área Pública da CIG contra uns Orzamentos para 2018 que seguen a desmantelar os servizos públicos

Terá lugar o martes 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza

Nacional -

A Área Pública da CIG concentrarase o vindeiro martes, día 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza coincidindo co pleno no que o PP aprobará a Lei de Orzamentos para 2018. Denuncia que avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

Os orzamentos para 2018 van acompañados polo chamado “Acordo de Estabilidade” asinado por CCOO, UGT e CSIF co goberno da Xunta. Un calco do asinado en Madrid que ratifica a renuncia a recuperar postos de traballo nas administracións públicas e só avanza unha tímida redución da temporalidade.

Mantense a taxa de reposición

A Área Pública da CIG denuncia que ese acordo nin sequera elimina a taxa de reposición que, ademais, condicionada ao que se decida unha vez se aproben os Orzamentos Xerais do Estado para 2018, ao igual que as subas salariais e demais cuestións.

Nese acordo a tres anos, 2018-2019-2020, establécese o compromiso de estabilizar os cadros de persoal das administracións públicas en Galiza. Porén, a Área Pública da CIG considera que o único que se vai facer é unha escasa redución da precariedade, cuxo alcance non se pode saber porque a propia administración elude facilitar dato algún que permita saber o alcance da mesma.

A Área Pública da CIG calcula que esa precariedade alcanzaría o 40% do persoal, que hoxe está en condicións de eventualidade. A administración fala de reducir para o ano 2020 esa eventualidade a un 7%. “Non se sabe de onde sacan ese 7% cando son os primeiros en non pór as cifras enriba da mesa”, denuncian.

Isto leva aparelladas unhas Ofertas Públicas de Emprego “ridículas” como as que xa se están aprobando nas distintas mesas sectoriais, que para nada supoñen aumento de cadros de persoal, e que non van permitir a consolidación do persoal eventual porque non contemplan procesos especiais. Deste xeito, traballadoras/es que poden levar toda unha vida laboral na administración como interinas poden verse na rúa con 60 anos.

A Área Pública da CIG considera pois que estes orzamentos continúan afondando no desmantelamento dos servizos públicos. Ao levar parella a renuncia á recuperación dos postos de traballo destruídos non se vai garantir unha prestación de calidade e, polo tanto, confirman que o camiño seguirá sendo o mesmo destes últimos anos: privatización e externalización dos servizos que non se poidan prestar.

Volver